Emilly anotou un dobrete e completaron a conta laranxa Dany, Patricia, Antía Pérez, Noelia Montoro e Carolina Pedreira
A primeira parte comezou con moito ritmo e oportunidades, sobre todo para o cadro local. Antía Pérez foi a primeira en avisar cun disparo aos dous minutos que repelía Valeria e na seguinte acción xa chegaba o primeiro tanto das burelistas. Dany roubáballe o balón a Alejandra na frontal e coa súa perna zurda non perdoaba ante Valeria. Segundos máis tarde tería o segundo Dinha, pero o seu remate, tras un bo balón de Dany, non atopaba o camiño da portería malacitana. Emilly, cun potente disparo, tamén inquietaba posteriormente á meta andaluza.
Con todo, a pesar do dominio mariñao, o Nueces de Ronda Atlético Torcal pegou forte no seu primeiro achegamento á meta de Caridad. Un desprazamento en longo de Vicky Bella era desviado o xusto por Laura Latorre para sorprender á porteira de Sanlúcar de Barrameda. O empate non cambiou o decorado e o Burela FS volvía á carga por mediación de Antía Pérez, que nesta ocasión atopábase co pau.
Mentres, o cadro visitante volvía inquietar o marco laranxa cun remate de Tete soa ante Caridad que se ía moi alto. Foi o preludio do segundo gol local. Emilly realizaba unha parede con Patricia e a pichichi da Primeira Iberdrola non fallaba diante de Valeria para subir o segundo á marcadora das locais.
A partir do 2-1 o encontro baixou de revolucións ata o últimos cinco minutos, nos que volveron aumentar as ocasións polos dous bandos. As de Víctor Quintero volvían estar preto do empate cun man a man de Cristi ante Caridad que a gardameta resolvía sacando unha moi boa man. Na seguinte acción conseguiríano tras unha boa combinación entre África e Tete que resolvía a segunda cun bo remate de espuela.
O empate espoleou ao cadro local, que se envorcou en busca de volver poñerse por diante. Avisou Emilly no 17 cun disparo que despexaba Valeria e no 18 era a brasileira a que lle servía un balón en longo a Patricia, que esta remataba á media volta de primeiras para bater a Valeria cun disparo cruzado. Non esperaron as de Julio Delgado ao segundo tempo para incrementar a renda, senón que seguiron presionando nos dous últimos minutos. Cilene, cun remate acrobático tras un saque de banda, obrigaba a empregarse a fondo a Valeria e despois era Cami a que estaba preto do tanto, pero cruzaba demasiado ante a meta andaluza tras unha gran combinación con Antía Pérez. Sería finalmente a de Laza a que lograría o cuarto tanto, nunha acción individual pola á dereita que finalizaba cun disparo cruzado que superaba a Valeria. Patricia tería mesmo o quinto cun remate sobre a bucina que se ía directamente fóra.
O segundo tempo foi de dominio total e absoluto do conxunto burelista, que incrementou a súa renda nos primeiros minutos con tantos de Emilly e de Noelia Montoro. O segundo da brasileira chegaba no minuto 25 nun balón que quedaba morto na frontal e que non desaproveitaba rematando á escuadra da portería visitante. Mentres, a conexión murciana funcionaba para que a internacional española rematase a pracer un pase da morte de Patricia desde liña de fondo.
A propia Patricia sería a autora da seguinte gran oportunidade mariñá, baixando con calidade un bo balón en longo de Emilly e rematando ao traveseiro. Nos seguintes minutos baixaría o acoso das burelistas sobre a meta malagueña. Superado xa o ecuador da segunda metade, unha boa acción individual de Dinha terminaba cun remate ao corpo de Bjorhovde, que ocupou o marco visitante na segunda metade.
As andaluzas sacudíanse o dominio local no minuto 33 cunha entrada ao segundo pau de Kichi que, con todo a favor, acababa rematando ao corpo de Ana Eliza. A porteira brasileira entrara segundos antes para substituír a Caridad. Tras esta ocasión visitante, Patricia probouno cun disparo ao pau curto que sacaba con apuros Bjorhovde e no 37 chegaría o 7-2 definitivo nun saque de banda coas mans de Antía Pérez que finalizaba Carolina Pedreira cunha gran volea. Vicky Bella tivo a última para as visitantes, pero soa ante Ana Eliza rematou demasiado alto buscando a escuadra.
Ficha Técnica Burela FS 7-2 Nueces de Ronda Atlético Torcal
Burela FS (7): Caridad; Cami, Dinha, Antía Pérez, Dany -quinteto inicial-, Emilly, Cilene, Patricia, Noelia Montoro, Carolina Pedreira, Débora, Cris Lourés e Ana Eliza.
Nueces de Ronda Atlético Torcal (2): Valeria; Alejandra, Crisi, Vicky Bella, África -quinteto inicial-, Kichi, Laura Latorre, Armoa, Tete, Susi e Bjorhovde (ps).
Goles: 1-0, min. 2: Dany. 1-1, min. 4: Laura Latorre. 2-1, min. 7: Emilly. 2-2, min. 16: Tete. 3-2, min. 18: Patricia. 4-2, min. 20: Antía Pérez. 5-2, min. 25: Emilly. 6-2, min. 25: Noelia Montoro. 7-2, min. 37: Carolina Pedreira.
Árbitros: Crespo Pardo e Sobral Moreno (Colexio Galego). Amoestaron á futbolista visitante Tete.
Incidencias: Encontro da décimo oitava xornada da Primeira Iberdrola disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 700 espectadores.