Emilly anotou un dobrete e completaron a conta laranxa Dany, Patricia, Antía Pérez, Noelia Montoro e Carolina Pedreira
Burela, 25 de xaneiro, 2025. O conxunto feminino do Burela FS afrontará a semana de preparación da Supercopa cun gran sabor de boca despois da goleada que lle encaixou este sábado en Vista Alegre ao Nueces de Ronda Atlético Torcal (7-2), nun partido valedoiro para a décimo oitava xornada da Primeira Iberdrola. As discípulas de Julio Delgado foron superiores a un voluntarioso conxunto andaluz que no primeiro tempo foi capaz de igualar ata en dúas ocasións a renda das mariñás, pero dous tantos das burelistas no treito final dos primeiros 20 minutos foron un lastre moi grande para as andaluzas, que no segundo tempo apenas tiveron capacidade de reacción.
A primeira parte comezou con moito ritmo e oportunidades, sobre todo para o cadro local. Antía Pérez foi a primeira en avisar cun disparo aos dous minutos que repelía Valeria e na seguinte acción xa chegaba o primeiro tanto das burelistas. Dany roubáballe o balón a Alejandra na frontal e coa súa perna zurda non perdoaba ante Valeria. Segundos máis tarde tería o segundo Dinha, pero o seu remate, tras un bo balón de Dany, non atopaba o camiño da portería malacitana. Emilly, cun potente disparo, tamén inquietaba posteriormente á meta andaluza.
Con todo, a pesar do dominio mariñao, o Nueces de Ronda Atlético Torcal pegou forte no seu primeiro achegamento á meta de Caridad. Un desprazamento en longo de Vicky Bella era desviado o xusto por Laura Latorre para sorprender á porteira de Sanlúcar de Barrameda. O empate non cambiou o decorado e o Burela FS volvía á carga por mediación de Antía Pérez, que nesta ocasión atopábase co pau.
Mentres, o cadro visitante volvía inquietar o marco laranxa cun remate de Tete soa ante Caridad que se ía moi alto. Foi o preludio do segundo gol local. Emilly realizaba unha parede con Patricia e a pichichi da Primeira Iberdrola non fallaba diante de Valeria para subir o segundo á marcadora das locais.
A partir do 2-1 o encontro baixou de revolucións ata o últimos cinco minutos, nos que volveron aumentar as ocasións polos dous bandos. As de Víctor Quintero volvían estar preto do empate cun man a man de Cristi ante Caridad que a gardameta resolvía sacando unha moi boa man. Na seguinte acción conseguiríano tras unha boa combinación entre África e Tete que resolvía a segunda cun bo remate de espuela.
O empate espoleou ao cadro local, que se envorcou en busca de volver poñerse por diante. Avisou Emilly no 17 cun disparo que despexaba Valeria e no 18 era a brasileira a que lle servía un balón en longo a Patricia, que esta remataba á media volta de primeiras para bater a Valeria cun disparo cruzado. Non esperaron as de Julio Delgado ao segundo tempo para incrementar a renda, senón que seguiron presionando nos dous últimos minutos. Cilene, cun remate acrobático tras un saque de banda, obrigaba a empregarse a fondo a Valeria e despois era Cami a que estaba preto do tanto, pero cruzaba demasiado ante a meta andaluza tras unha gran combinación con Antía Pérez. Sería finalmente a de Laza a que lograría o cuarto tanto, nunha acción individual pola á dereita que finalizaba cun disparo cruzado que superaba a Valeria. Patricia tería mesmo o quinto cun remate sobre a bucina que se ía directamente fóra.
O segundo tempo foi de dominio total e absoluto do conxunto burelista, que incrementou a súa renda nos primeiros minutos con tantos de Emilly e de Noelia Montoro. O segundo da brasileira chegaba no minuto 25 nun balón que quedaba morto na frontal e que non desaproveitaba rematando á escuadra da portería visitante. Mentres, a conexión murciana funcionaba para que a internacional española rematase a pracer un pase da morte de Patricia desde liña de fondo.
A propia Patricia sería a autora da seguinte gran oportunidade mariñá, baixando con calidade un bo balón en longo de Emilly e rematando ao traveseiro. Nos seguintes minutos baixaría o acoso das burelistas sobre a meta malagueña. Superado xa o ecuador da segunda metade, unha boa acción individual de Dinha terminaba cun remate ao corpo de Bjorhovde, que ocupou o marco visitante na segunda metade.
As andaluzas sacudíanse o dominio local no minuto 33 cunha entrada ao segundo pau de Kichi que, con todo a favor, acababa rematando ao corpo de Ana Eliza. A porteira brasileira entrara segundos antes para substituír a Caridad. Tras esta ocasión visitante, Patricia probouno cun disparo ao pau curto que sacaba con apuros Bjorhovde e no 37 chegaría o 7-2 definitivo nun saque de banda coas mans de Antía Pérez que finalizaba Carolina Pedreira cunha gran volea. Vicky Bella tivo a última para as visitantes, pero soa ante Ana Eliza rematou demasiado alto buscando a escuadra.
Ficha Técnica Burela FS 7-2 Nueces de Ronda Atlético Torcal
Burela FS (7): Caridad; Cami, Dinha, Antía Pérez, Dany -quinteto inicial-, Emilly, Cilene, Patricia, Noelia Montoro, Carolina Pedreira, Débora, Cris Lourés e Ana Eliza.
Nueces de Ronda Atlético Torcal (2): Valeria; Alejandra, Crisi, Vicky Bella, África -quinteto inicial-, Kichi, Laura Latorre, Armoa, Tete, Susi e Bjorhovde (ps).
Goles: 1-0, min. 2: Dany. 1-1, min. 4: Laura Latorre. 2-1, min. 7: Emilly. 2-2, min. 16: Tete. 3-2, min. 18: Patricia. 4-2, min. 20: Antía Pérez. 5-2, min. 25: Emilly. 6-2, min. 25: Noelia Montoro. 7-2, min. 37: Carolina Pedreira.
Árbitros: Crespo Pardo e Sobral Moreno (Colexio Galego). Amoestaron á futbolista visitante Tete.
Incidencias: Encontro da décimo oitava xornada da Primeira Iberdrola disputado no pavillón de Vista Alegre diante duns 700 espectadores.