Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG leva ao Parlamento a “pésima situación” da atención primaria nos centros de saúde de Riotorto e Ourol

“O PP está convertindo en habitual a falta de médicos nestes centros”, afirman

A Mariña, martes 14 de xaneiro. Os concellos mariñaos do rural son os que máis se están resentindo pola falta de médicos na Atención Primaria. Neste inicio de ano, as eivas nos centros de saúde, lonxe de correxírense, aumentan. O 7 de xaneiro manifestábanse os veciños e veciñas de Riotorto, que se reuniron tamén en asemblea este sábado para adoptar medidas reivindicativas e de presión para que se cubran de xeito inmediato e continuo as dúas prazas de médico que lles corresponden.

Ourol, Muras e O Vicedo, coa mesma problemática

En Ourol a situación é tamén moi grave, pois ante a ausencia de facultativo derivan aos pacientes ao Centro de Saúde de Muras, algo inaudito e inadmisible tendo en conta a dificultade para desplazárense as persoas maiores. E é tamén inadmisible que no mes de xaneiro só conten con médico seis días: o 9, 10, 14, 15, 21 e 23. Por estes motivos, a veciñanza de Ourol, xunto coa de Muras e O Vicedo manifestáronse o domingo día 12 de xaneiro diante do centro de saúde ourolés.

Ante estas situacións o BNG leva estes asuntos ao Parlamento para que se cubran de xeito inmediato e continuo as dúas prazas de médico de Riotorto e a de Ourol.

Reducen os centros de saúde a oficinas para renovar receitas

“Non podemos permitir que reduzan o Centro de Saúde de Riotorto a unha especie de oficina na que renovar receitas e realizar algúns poucos trámites máis nin que o Centro de Saúde de Ourol estea sen médico e os deriven a outro centro coma o de Muras que tamén arrastra problemas” manifestou o deputado mariñao Daniel Castro, que vén de rexistrar esta semana as correspondentes inciativas ao respecto no Parlamento.

Exit mobile version