Instan á alcaldía a dar unha resposta inmediata a este grave problema
Cervo, 9 de xaneiro de 2025 Os concelleiros do BNG no Concello de Cervo, Diego Fernández e Zulema Murado reclaman ao equipo de goberno que actúe con urxencia para solucionar o grave problema que afecta aos veciños co servizo de telefonía. Segundo denuncian os veciños, levan máis dun mes sen cobertura móbil, o que está a deixar a boa parte da poboación sen acceso a un servizo básico.
“Este é un exemplo máis da apatía e desatención do equipo de goberno do Partido Popular ante os problemas reais dos veciños e veciñas do noso municipio”, afirmou o portavoz do BNG Diego Fernández. “A Senra leva máis de 30 días sen cobertura móbil, o que supón un illamento total para os seus habitantes, xa que non só afecta á comunicación persoal, senón tamén ás situacións de emerxencia, aos servizos bancarios e ao acceso á información en tempo real. Non é de recibo que un servizo básico como a cobertura móbil non se restableza despois de máis dun mes de danos”, engadiu.
Falta de xestión da alcaldesa e o goberno municipal
O BNG considera que este tipo de problemas son un claro exemplo da falta de planificación e xestión do actual goberno municipal, que non foi quen de dar solución a unha situación que afecta directamente ao benestar dos veciños da zona.
“O equipo de goberno non pode seguir mirando para outro lado. Os veciños de Senra precisan dunha resposta inmediata. Esiximos que se poñan en marcha as medidas necesarias para restablecer canto antes a cobertura móbil. Non é de recibo que no século XXI se sigan producindo estes problemas de comunicación sen que actúe o goberno municipal”, subliñan os nacionalistas.
O BNG anunciou que levará esta problemática á próxima sesión do pleno municipal, coa intención de adoptar medidas concretas e dar unha resposta clara á cidadanía de Senra.