Riotorto, 3 de xaneiro de 2025. O BNG de Riotorto convoca a veciñanza a unha concentración para reclamar a cobertura das prazas de medicina familiar do centro de saúde, o vindeiro martes 7 xaneiro, ás 11.00 horas, diante do centro médico.
A mobilización busca o, que nos últimos tres anos perdeu dous médicos. Unha das prazas leva case tres anos sen cobertura por unha baixa prolongada que o Servizo Galego de Saúde non cubriu, e a segunda quedou vacante a mediados do mes de novembro por un traslado. Desde aquela, o centro de saúde só conta con atención a tempo parcial -entre dúas e catro horas-, en horarios variables e por profesionais diferentes.
A portavoz do BNG en Riotorto Vanesa Gómez explica que “non podemos normalizar este funcionamento do centro médico. Sen atención a tempo completo e persoal estable é imposible unha atención adecuada con seguimento dos pacientes, consultas nos domicilios, actuacións preventivas, e todo o que se espera dun servizo de atención primaria”
“Se a Xunta non cubre as prazas, o centro médico quedará reducido a unha oficina para renovar receitas ou a un consultorio por horas. A única maneira de recuperar a atención e o funcionamento normal do centro médico é coa mobilización social, reclamando que se atenda o noso dereito a unha sanidade pública de calidade e de proximidade”, concluíu.