Olga Garcia “a veciñanza está pagando por un servizo que na vida diaria non deixa de ser un fraude por non ter garantía de ter auga cada vez que chove”
Castro de Rei, 30 de xaneiro de 2025. Desde o BNG de Castro de Rei denunciamos a grave situación que está a afectar o servizo de abastecemento de auga en Castro de Rei. Actualmente, as bombas de captación de auga están completamente inundadas, o que non só interrompe o subministro, senón que fai que a pouca auga que chega ás vivendas non sexa apta para o uso, nin sequera para a ducha.
“Esta situación é inadmisible e afecta de maneira directa á vida diaria de moitos veciños e veciñas” denuncia Olga Castro concelleira nacionalista. Desde o BNG esiximos unha resposta inmediata por parte do Concello para garantir que o acceso á auga, un servizo básico e esencial, sexa restablecido canto antes.
Dende o BNG lembran que presentaron unha emenda aos orzamentos da Xunta para mellorar o sistema de captación, mais esta foi rexeitada polo goberno autonómico. “A falta de investimentos por parte da Xunta e a inacción do Concello están a condenar á veciñanza a convivir cun problema sanitario e ambiental que require unha solución urxente”, sinalou a concelleira nacionalista.
Por iso o BNG de Castro de Rei vai presentar as seguintes iniciativas para o vindeiro pleno: Solucións urxentes: Actuacións inmediatas para reparar as bombas de captación e asegurar o correcto funcionamento do sistema de abastecemento. Garantías de calidade: Que se leve a cabo unha análise da calidade da auga para garantir que, unha vez restablecido o servizo, esta sexa apta para o consumo humano e outras actividades domésticas. Prevención a longo prazo: Un plan de mellora e modernización das infraestruturas hidráulicas para evitar que situacións como esta volvan a repetirse no futuro.
“A cidadanía non pode ser vítima da inacción ou da falta de previsión. A auga é un dereito básico e debe ser tratado como tal. Desde o BNG seguiremos fiscalizando a xestión municipal e reclamando solucións reais e efectivas para o benestar da veciñanza.” conclúe García