Tras a publicación do informe do Instituto Galego de Estatística sobre o coñecemento e uso do idioma galego, e que constata a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua, “o BNG de Ribadeo quere denunciar que o goberno municipal do PP significa un grande retroceso tamén para o uso galego”.
“Así, aos poucos días da toma de posesión puidemos comezar a comprobar que non había interese en que a documentación do Concello estivese en galego, mesmo nalgunha ocasión semellaba algo totalmente intencionado. Aparecen documentos, informes, avisos, sinaléctica, convocatorias en español, algo non visto desde hai máis de 30 anos no noso Concello”.
“As intervencións públicas do alcalde e membros do goberno pasaron a ser en español ante a máis mínima escusa, ás veces ridícula. Concelleiros que non empregan o noso idioma en presentacións e actos públicos, entrega de premios… E unha concelleira que non mostra o máis mínimo respecto polo pobo que representa, e que non se digna a empregar nunca o galego”.
“Tampouco se exixe ás empresas dependentes do concello que usen o galego, tal e como manda a ordenanza de normalización lingüística aprobada vai xa para vinte anos. Na Piscina Municipal as clases son en español, e a páxina web está chea de erros. Os avisos das empresas que traballan para o Concello, igual…”.
“A maior abondamento, aínda, a estas alturas, hai sinaléctica con toponimia deturpada e ilegal: Villaguiz por Vilagoiz, San Lorenzo por San Lourenzo, “prohibido fijar carteles”… Por non falar doutra que está estragada ou colocada erroneamente. E isto ocorre cando os sinais correctos están feitos desde hai tempo e gardados nun almacén, listos para colocar”.
No eido da programación cultural, seguen os nacionalistas, “hai unha clara intención de fomentar espectáculos en español. Xa vimos como o Instituto Galego de Estatística chama a atención especialmente nas escasas habilidades co galego das crianzas. Pois aínda así, o concello de Ribadeo aproveita a mínima ocasión para contratar espectáculos en castelán”.
“Vaia maneira de potenciar o uso e aprendizaxe do galego por parte da xente máis nova! Se a iso engadimos a escasa calidade de moitos deses espectáculos, pouco máis se pode dicir. Despois de anos e anos coidando esa franxa de idade con especial mimo, o goberno municipal do PP non fai máis que desfacer o traballo anterior. Daniel Vega segue a estela de Feijoo, ben preocupado en agradar a quen critica e ridiculiza o uso do galego sen ningún miramento: a estrema dereita española”, rematan.