“Como xa denunciamos repetidamente, a falta de diálogo por parte do Alcalde e a da Concelleira de Servizos Sociais con todas as partes para chegar a unha solución ao problema suscitado a raíz das novas tarifas da Residencia de Foz, motivou o noso rexeitamento á adxudicación decidida en pleno. A partir de aquí o PSOE iniciou un comportamento obstrucionista, irracional e inexplicable, que como xa dixemos, encaixa mellor no infantil, negándose a calquera diálogo e estendendo o capricho a todas as áreas de goberno, negando información básica no funcionamento do Concello, ninguneando as competencias delegadas nos Concelleiros, e incumprindo o pacto de goberno repetidamente no que se refire ás xuntanzas periódicas de traballo dende o mes de xullo, e máis alá do pactado, faltando á mínima educación e respecto”.
“O esperpento máximo acontece cando finalmente o TACGAL, un tribunal administrativo independente que supervisa as contratacións públicas, nos deu a razón. Isto motivou un movemento de fuxida completamente desnortado por parte do PSOE. Sen consenso, información, nin xuízo lóxico, desliga as competencias da Residencia da Área de Servizos Sociais e asígnaa por decreto á Concelleira Zoraida Coira, pero non a capacidade de xestión nin as competencias plenas. Solicitouse unha reflexión e retomar o camiño das ideas e non dos impulsos e a insensatez, xa que isto semella una arroutada por unha sentencia desfavorable aos intereses do PSOE, mais foi completamente estéril. Si mantivenos a lealdade ao pactado a pesar de todo o descrito, é por que só nos move o mellor interese para o noso Concello. Asistimos, entre a incredulidade e o espanto, a unhas xornadas nas que o Alcalde no canto de reflexionar, afonda na actitude inmoral do silencio, da non resposta, coa dobre cara diante dos medios, negando unha crise mais que evidente e insinuando que a imposición da delegación é un acto de xenerosidade (nova falta de respecto, pero agora aos veciños, dun pequeno tirano que non ten o mínimo decoro) facendo moi difícil o traballo no día a día”.
“Sabemos que o Alcalde non conta con nós no goberno, e proba de isto é que a día de hoxe non tivenos a máis mínima conversa respecto dos orzamentos do ano 2025. Pode que considere que todo marcha ben, pero a imposición, a ausencia de diálogo, a prepotencia, a negación da evidencia, a ensoñación e a falta de reflexión non se corresponden cos nosos principios. Non ternos respondido (ou facelo novamente pola prensa, narrando unha realidade delirante) cando solicitamos nunha chamada ao sentido común, unha nova e derradeira reflexión, dá unha idea da situación de enroque na que se atopa o PSOE. Non se pode traballar nestas circunstancias, e o sentido común e novamente a responsabilidade, non nos permiten continuar”.
“Con enorme agradecenento aos veciños que confiaron en nós no 2023, e co recoñecenento e agradecenento pola axuda prestada aos traballadores municipais, que seguen sendo un exemplo de profesionalidade e bo facer e que nos facilitaron, eles si, o traballo no Concello, anunciamos que nas proximas datas presentaremos a renuncia a todas as nosas responsabilidades no goberno do Concello de Foz. Por responsabilidade daremos un tempo prudencial para que o grupo municipal socialista organice a nova estructura do goberno municipal. Anunciamos tamén que a concelleira Zoraida Coira, como non pode ser doutro xeito, renunciará á retribución que recibe pola súa adicación parcial no Concello”.
“Poñémonos á disposición dos Concelleiros do PSOE que asuman as responsabilidades que desenvolviamos estes anos, porque nós si falaremos e aclararemos con eles todo canto se nos solicite. Confiamos en poder ter sido útiles ao pobo de Foz, e iso é o que nos move a participar da vida pública, seguiremos traballando como grupo municipal do BNG dende o pleno do Concello, para facer a través das nosas propostas e iniciativas, melloras na vida das e dos veciños”.