Despois dun procedemento de licitación aberto, Fran Cajoto informa da adxudicación este venres á empresa Construcciones Isidro Otero SL da mellora de viais municipais en Cordido, Marzán e Vilaxoane por un importe de 50.951,42 euros. financiados con cargo ao Plan Deputación 2024: “son viais municipais con firme en mal estado, que se vai a renovar por completo con aglomerado en quente. Ademais, imos limpar cunetas e taxeas e completar a actuación con sinalización horizontal e vertical. Estamos a falar en Vilaxoane do camiño do Muíño, que baixa ao río Centiño desde a estrada LUP2001 e continúa para dar servizo a varias vivendas ata o límite coa estrada nacional; en Cordido do camiño que une a Tilleira cos Moás e que é moi utilizado polos veciños desta parroquia; e en Marzán imos mellorar o firme nas Catro Calles entre o Cristo e a rúa de Francia, no camiño de Prado da Lama e no vial que conecta a Pena Parda e Prado da Lama, por detrás do Clube de Tenis e o apeadoiro do tren”.
Este venres ademais foi aprobada en Xunta de Goberno da Deputación de Lugo a licitación da mellora do firme en distintos viais titularidade do organismo provincial, por un importe total de 392.218,9 EUR. O prazo de presentación de ofertas remata o 12 de febreiro e o prazo de execución das obras unha vez rematados todos os trámites é de 3 meses.
“Agradézolle á Deputación de Lugo e ao presidente José Tomé a inversión que vai a facer en Foz, atendendo ás peticións máis urxentes que lle achegamos nun dosier preparado polo Concello. Na estrada LUP6303 vaise a renovar o firme en 2,1 quilómetros da parroquia de Cordido ata o límite co Concello de O Valadouro, limpar marxes e dispoñer nova sinalización horizontal e vertical. Na estrada á Basílica de San Martiño, entre Vilaxoane e Ver, vaise a fresar o firme e aglomerar naqueles puntos que estean en mal estado, limpar as marxes dos seis quilómetros de estrada, renovar a pintura en toda a lonxitude e reforzar a seguridade en zona de curvas con 50 metros adicionais de bionda e o aumento da sinalización vertical. En Nois no entorno do colexio vaise a mellorar o firme e dispoñer nova sinalización vertical para mellorar a seguridade na entrada e saída das aulas. Na estrada á Hermida e Oirán vanse a mellorar a drenaxe e a circulación limpando as marxes en máis de catro quilómetros. Nas rúas Mijail Gorbachov e Corporacións Municipais vaise a fresar o firme actual e dispoñer unha nova rodadura con aglomerado en quente, con sinalización vertical e horizontal. Vaise a renovar a pintura da estradas provinciais que conectan a praia da Rapadoira con Llas e a Fonte de Marzán, mellorando o firme no entorno da fonte e tamén no tramo de Paseo de Colón que discorre entre Mariñeiro Chila e Rego de Foz. A última actuación que se inclúe no proxecto é a mellora do firme na estrada que une a Fonte de Marzán e o Bispo Santo, que se encontra en moi mal estado”, explica o alcalde.
“Seguimos traballando para mellorar o estado da rede de estradas e camiños deste concello. Son boas novas que se unen ao convenio recentemente asinado coa Deputación para o arranxo das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas, á execución das dúas novas rotondas de Cangas e a novos proxectos que estamos preparando para facilitar os desprazamentos no noso municipio”, remata o rexedor municipal.