As Pícaras dominan un complicado encontro ante un dos rivais máis duros da categoría, o Roldán
Burela, 11 de xaneiro, 2025 . Ás 18.45h desta tarde no pavillón municipal Vista Alegre de Burela, celebrouse a 16ª xornada da liga de Primeira División Iberdrola FS, o CD Burela FS – STV Roldán FSF, cun resultado final 3-1. Ao comezo do encontro celebrouse un acto previo no que o Concello de Burela fixo entrega de dous obsequios ao equipo xuvenil feminino do CD Burela FS en recoñecemento polo Subcampeonato de España e ao senior “B” feminino pola Copa Autonómica e ascenso a Preferente, ambos os logros alcanzados durante a tempada pasada 2023/2024. Por parte do concello entregou o presente ao conxunto filial do club de futsal mariñán, a alcaldesa Carmela López Moreno; e ao xuvenil a concelleira de igualdade, Sandra Fernández Cillero.
Arrinca o Burela con forza co primeiro tanto no minuto 4, un saque de falta preto da área rival que saca Emilly combinando a xogada con Carolina Pedreira que a mete cun disparo cruzado dende a área. No minuto 7 Débora anota o segundo nun rexeite tras un disparo de Dany. Continúa un partido con moito xogo de balón e ocasións por ambos lados, aínda que máis por parte do conxunto local, pero sen goles, ata o descanso. No minuto 18 ocasión clarísima de Patricia que protagoniza un cara a cara con María Valsera que detén o ataque no bordo da área.
Comeza a segunda parte con golazo de Patricia no minuto 21, meténdoa de cabeza por toda a escuadra nun pase de saque de banda de Cami. Desenvólvese a segunda parte de forma similar á primeira, con moito xogo de balón e abundantes ocasións que non logran finalizar con éxito con moitas boas intervencións da porteira que defende os paus das visitantes nesta segunda metade, Cristina. No 33 Mariángeles Villa logra recortar distancias nun disparo frontal desde o bordo da área nunha boa combinación con Martinha tras un saque de banda. Nos últimos 3 minutos Kilian Belmonte téntao presionando con Ángela Górriz de porteira-xogadora, pero non logra exceder a defensa burelense. Remata o encontro cun 3-1 para as locais que dominaron o partido de principio a fin.
Tras os resultados de hoxe as Pícaras colócanse terceiras na táboa, empatadas a puntos co seu eterno rival, o Futsi, ambos a dous puntos das melillenses que se manteñen líderes na clasificación con 45 puntos. Tres primeiros postos que se afastan considerablemente do Alcorcón, que ocupa a cuarta posición a 12 puntos das nosas. A semana que vén o conxunto de Julio Delgado xogará o derbi comarcal ante o FSF Castro Bloques Cando, ás 19.30h no pavillón municipal Ribeiras de Lea.
Ficha Técnica CD Burela FS 3-1 STV Roldán FSF
CD Burela FS (3): Caridad; Dany (C), Cami, Antía Pérez, Emilly – cinco inicial-, Carolina Pedreira, Dinha, Dany (C), Débora, Noelia Montoro, Cris Lourés. Entrenador: Julio Delgado.
STV Roldán FSF (1): María Valsera; Mayte Mateo (C), Alba Gandía, Ángela Górriz, Martinha, –cinco inicial-, Andra, Mariángeles Villa, Bárbara, Carmen, Cecilia, Rocío, Cristina. Entrenador: Kilian Belmonte..
Goles: 1-0, min.4: Carolina Pedreira. 2-0, min.7: Débora. 3-0, min.21: Patricia. 3-1, min.33: Mariángeles Villa.
Árbitros: Roberto Segundo Amor Vizoso, Tania María Penabad Canel, Sergio Blanco Gómez, Andrea de Luís Iglesia.