O Concello fixo este anuncio durante a celebración da Feira Internacional de Turismo en Madrid (FITUR) 2025
Mondoñedo, 22 de xaneiro de 2025. Mondoñedo será un dos destinos das experiencias turísticas ‘Talento en Red 2025: Camiño Creativo de Santiago’ que organiza a Rede de Cidades e Territorios Creativos de España (RECIT-CREA) para impulsar o turismo de talento entre o 4 e o 6 de xullo, coincidindo coa conmemoración do décimo aniversario da declaración do Camiño Norte como Patrimonio Mundial da UNESCO (o 5 de xullo de 2015). Así o deu a coñecer o Concello durante a súa participación na Feira Internacional de Turismo (FITUR), en Madrid.
O Camiño Creativo, que tamén se desenvolverá nesta edición en Tenerife, Córdoba, Dénia e Quinto, vai dirixido a emprendedores creativos ou creadores do sector das Industrias Culturais y Creativas ou que empreguen transversalmente a cultura, as Industrias Culturais e Creativas e a innovación para reactivar os sectores máis tradicionais da economía.
Os participantes poderán ir desenvolvendo o seu plan de negocio a medida que realizan este camiño específico. O obxectivo é impulsar a creatividade, o talento e a innovación co fin de potenciar o emprego e o autoemprego a través do emprendemento no sector das Industrias Culturais e Creativas ligado á paisaxe.
As viaxes están pensadas para servir de fonte de coñecemento e inspiración para os seus plans de negocio. Ademais, o Camiño Creativo tamén impulsa valores culturais e medioambientais no emprendemento de forma que a cultura sexa o piar central para articular o económico, medioambiental e social.
O goberno local continúa a traballar no ámbito turístico amosando o seu patrimonio histórico, cultural, arquitectónico e natural; potenciando o Camiño de Santiago; difundindo as súas tradicionais festas e feiras e impulsando o barrio dos Muíños vinculado á tradición artesá.
Recentemente, o Concello de Mondoñedo anunciaba tamén as actuacións de rehabilitación de edificios do casco histórico vinculados ao programa Rexurbe permitirá habilitar, ademais de catro vivendas de promoción pública, un local para artistas.
Inscricións
Xa está aberto o prazo de inscrición que se pode formalizar a través dun formulario a través da web https://www.espanacreativa.es/convocatorias.html ou enviando os datos -cv persoal, idea de negocio e carta de motivación- ao enderezo info@espanacreativa.es.