O goberno local subliña que “está a traballar por desestacionalizar o turismo dos meses de verán para que haxa un fluxo de visitantes continúo ao longo de todos os meses e, á vista dos datos do pasado ano, estase a conseguir”
Mondoñedo, 30 de xaneiro de 2025. O Concello de Mondoñedo destaca o gran ano que supuxo o 2024 en canto ao turismo. Así, o municipio mindoniense recibiu o ano pasado a un total de 238.155 visitantes dos cales 36.713 pernoctaron no mesmo, sendo 28.491 turistas nacionais e 8.222 turistas internacionais.
O goberno local subliña que “está a traballar por desestacionalizar o turismo dos meses de verán para que haxa un fluxo de visitantes continúo ao longo de todos os meses e, á vista dos datos do pasado ano, estase a conseguir e seguiremos a empregarnos nesta liña. Durante o 2024 e aínda que os meses con máis turistas foron os do verán, visitaron Mondoñedo, por exemplo, 15.871, 14.846 e 14.101 persoas nos meses de marzo, abril e novembro respectivamente”.
O goberno mindoniense continúa a traballar no ámbito turístico amosando o seu patrimonio histórico, cultural, arquitectónico e natural; potenciando o Camiño de Santiago; difundindo as súas tradicionais festas e feiras; promocionando a Cova do Rei Cintolo e impulsando o barrio dos Muíños vinculado á tradición artesá; entre outros recursos.
Recentemente, o Concello de Mondoñedo anunciaba tamén, durante a súa participación na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que o municipio será un dos destinos das experiencias turísticas ‘Talento en Red 2025: Camiño Creativo’ coincidindo co décimo aniversario da declaración do Camiño Norte como patrimonio mundial.