Site icon Crónica3.com A Mariña

María Loureiro pídelle de novo unha reunión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que falar de asuntos estratéxicos para Viveiro

“Somos o concello con máis poboación da Mariña e o terceiro da provincia de Lugo, as demandas dos nosos veciños e veciñas merecen ser tratadas nun encontro co presidente da Xunta”, asegura a alcaldesa

Viveiro, 10 de xaneiro de 2025. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, pediulle de novo unha reunión ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que falar de asuntos estratéxicos para Viveiro.

“Diríxome novamente a vostede co fin de reiterar a solicitude de reunión que este concello ten solicitada para tratar diversos asuntos de grande importancia para Viveiro. Neste sentido, cómpre lembrar que enviamos unha primeira solicitude de reunión en 2022 e unha segunda en 2024”, lembra Loureiro nunha carta enviada a Rueda.

“Nesta xuntaza desexamos tratar diversos asuntos de grande importancia para o noso municipio, como por exemplo a creación da Variante de Viveiro, a situación da sanidade e outros proxectos para a vila”, engade a alcaldesa.

María Loureiro considera que “se ben é certo que vimos xestionando algúns temas coas diferentes consellerías da Xunta de Galicia, entendemos que hai outras cuestións que, pola súa relevancia, deberían ser tratadas entre a alcaldesa de Viveiro e o presidente do goberno galego”.

“Igual que vén recibindo a outros alcaldes, debería ser posible axendar unha xuntanza na que o Concello de Viveiro, que por poboación é o máis grande da comarca da Mariña e o terceiro da provincia de Lugo, poida ser recibido polo presidente da Xunta de Galicia para manter un encontro que nos permita abordar con profundidade diversas cuestións de vital relevancia para o noso municipio”, remata Loureiro.

Exit mobile version