A titular de Medio Rural lembrou que se acaban de convocar achegas para apoiar este eido, dotadas cun orzamento de 1,4 millón de euros
Baleira (Lugo), 24 de xaneiro de 2025. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou esta mañá unha visita á explotación apícola Mel Casa Miranda, situada no concello lucense de Baleira, onde puxo de relevo a importancia deste eido pola súa contribución á protección da biodiversidade.
Neste sentido, María José Gómez lembrou que a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, vén de convocar as achegas destinadas a apicultura deste 2025, dotadas cun orzamento de 1,4 millóns de euros. O obxectivo destas axudas, segundo expuxo a titular do departamento, é afondar na contribución deste sector á biodiversidade e apostar pola súa modernización.
Esta liña pretende tamén favorecer a posta en común do coñecemento, a innovación e a dixitalización, ao mesmo tempo que se mellora a orientación do mercado e a competitividade neste eido. A conselleira sinalou que se poderán verse beneficiadas as persoas titulares das explotacións e as agrupacións de apicultores. Os interesados teñen de prazo para presentar as súas solicitudes ata o 20 de febreiro.
Considéranse accións subvencionables os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os investimentos destinados a loitar contra os invasores e as enfermidades das colmeas; os equipos de envasado e etiquetaxe ou incluso os software e equipos para monitorización, entre outros.
Así, o Goberno autonómico pon de manifesto o seu compromiso con este sector produtivo e coa posta en valor do bo facer dos produtores galegos que optan por desenvolver a súa vida laboral nas contornas rurais galegas.