Hai ademais 129 adultos que asisten a clases de aquagym e de natación nos diferentes niveis
Cervo, 30 de xaneiro de 2025. Esta semana están a rematar os cursos infantís de natación na piscina olímpica municipal que contaron con 87 crianzas, de entre 3 e 11 anos, divididas en quendas e diferentes niveis, e que se prolongaron de outubro a xaneiro.
En concreto, houbo 72 nenos/as de entre 4 a 11 anos, nos niveis estreliña, tartaruga, calamar, peixe, golfiño e tiburón, que asistiron dúas veces por semana á piscina; e 15 nenos/as de 3 anos que acudiron un día á semana.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata a instalación para entregarlles os diplomas e un agasallo a cada pequeno/a e quixo darlles os parabéns por completar o curso con éxito “porque aprender a nadar é unha habilidade moi importante, e tamén unha forma de manterse activos e saudables desde pequenos/as”.
Nos vindeiros días está previsto que arrinque o segundo cuadrimestre para o que xa están inscritas 77 crianzas, nos diferentes niveis.
Ademais, tamén hai 129 adultos que asisten ás clases de aquagym e de natación nos diferentes niveis que se desenvolven durante todo o curso, de outubro a maio.