O presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente, explica que “este pasado sábado fixemos a segunda etapa do Camiño do Mar, entre Reinante (Barreiros) e San Martiño (Foz). Fomos máis de 40 as persoas que nos reunimos para participar nesta andaina na que tivemos a oportunidade de compartir conversas e de achegarnos á historia dun monumento tan próximo e tan importante como a Basílica de San Martiño”. E engadiu que “esta foi unha etapa simbólica para todas e todos nós ao igual que o será a de San Andrés de Teixido”.
Gómez Puente convida “a todo o mundo a facer este Camiño do Mar con nós. Facémolo nun ambiente de compañeirismo, de amizade e imos cultivar a convivencia entre as veciñas e os veciños desta comarca”.
A terceira etapa terá lugar o vindeiro 1 de febreiro entre San Martiño (Foz) e Burela.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte número de teléfono: 623 226 825. Aquelas persoas que fagan as 10 etapas do Camiño do Mar recibirán como agasallo unha camiseta e unha mochila. Desde a asociación Camiñantes e Camiños agradecen a colaboración da Xunta de Galicia.