A conselleira de Economía e Industria confirmou que a autorización da ampliación da cota da balsa de lodos vermellos se dictará na primeira quincena de febreiro
Lorenzana mantivo esta tarde un encontro co comité de empresa da planta de San Cibrao para falar sobre o protocolo asinado a pasada semana entre o Ministerio de Industria e Turismo, a Xunta de Galicia, Alcoa e Ignis, no cal todas as partes se comprometen a traballar conxuntamente para garantir a viabilidade futura da factoría luguesa.
Segundo explicou, o protocolo asinado recolle, ao respecto, o compromiso de ambas as dúas administracións de axilizar as autorizacións de proxectos vinculados coa planta. Sobre iso, Lorenzana lembrou que a Xunta de Galicia xa tramitou a totalidade dos parques eólicos que lle corresponden e que, xunto con outros proxectos auxiliares como a autorización da ampliación da cota da balsa de lodos vermellos son precisos para garantir a viabilidade da planta. Ao respecto a conselleira de Economía e Industria confirmou que dita autorización se prevé que sexa ditada na primeira quincena de febreiro “porque é unha infraestrutura clave para a actividade do complexo industrial”, subliñou.
Lorenzana tamén insistiu na necesidade de acordar un prezo eléctrico estable e competitivo para a industria electrointensiva. Unha petición que, tal e como apuntou, é clave para garantir a viabilidade do sector e de empresas como Alcoa e que se suma á realizada pola propia Asociación de Empresas de Gran Consumo de Enerxía (AEGE) para que se manteña a redución nas peaxes de acceso ás redes de transporte e electricidade.
A conselleira remarcou ante o comité de empresa que o compromiso do Goberno galego co futuro a longo prazo de Alcoa en San Cibrao é máximo, e volveu trasladarlle todo o apoio da Administración autonómica.