Isabel Rodríguez destaca o recoñecemento que o Ministerio de Cultura vén de facer ao traballo destas tres bibliotecas municipais da provincia, reafirmando o seu compromiso co fomento da lectura
Lugo, 3 de xaneiro de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, celebrou a concesión do premio María Moliner á Biblioteca Municipal de Vilalba, que recibe 2.777,77€ polo seu destacado labor no fomento da lectura e a inclusión social. Este recoñecemento subliña o compromiso do Goberno co fortalecemento das bibliotecas públicas como motor da cultura e a educación nos concellos da provincia de Lugo.
O proxecto premiado, titulado “Redes de saber”, foi valorado polo seu impacto significativo na sociedade vilalbesa grazas a iniciativas innovadoras e colaborativas. Malia ser unha biblioteca unipersoal, destaca pola súa rica oferta de actividades como talleres creativos, contacontos, concursos literarios e clubs de lectura, ademais da súa colaboración con entidades locais como o Centro Ocupacional, a Escola Municipal de Teatro, a Banda de Música ou entidades de corte social.
Entre os seus proxectos máis emblemáticos figuran a creación do club de lectura, actividades de bebeteca, a recompilación de relatos das persoas maiores da contorna ou un roteiro literario baseado na obra do autor Agustín Fernández Paz, oriúndo de Vilalba. Estas iniciativas reflicten o seu compromiso coa participación, a conservación do patrimonio local e a inclusión social.
Isabel Rodríguez destacou que “este premio non só recoñece a excelencia da Biblioteca Municipal de Vilalba, senón que pon en valor a importancia das bibliotecas públicas como espazos de integración, aprendizaxe e cultura, esenciais para o desenvolvemento dos nosos concellos rurais”.
Premios María Moliner
O premio María Moliner, impulsado polo Ministerio de Cultura, recoñece cada ano aos mellores proxectos de animación á lectura en bibliotecas públicas de municipios de menos de 50.000 habitantes. Na convocatoria deste ano, tres bibliotecas da provincia de Lugo foron galardoadas: Vilalba, Sober e Ribadeo, que recibiron en conxunto 8.333,31€.
O compromiso do Goberno coa cultura
A subdelegada sinalou que este investimento é unha mostra máis do compromiso do Goberno co desenvolvemento cultural e social na provincia, fortalecendo o labor das bibliotecas como centros educativos e de cohesión comunitaria.
Con este tipo de iniciativas, o Goberno aposta por garantir o acceso igualitario á cultura e o coñecemento en todos os territorios, especialmente nas zonas rurais, consolidando as bibliotecas como espazos de inclusión e creatividade para todas as xeracións.