A Mariña, 27 de xaneiro de 2025. FITUR 2025 pechou onte as portas da súa 45 edición, na que participaron máis de 9.000 expositores e de 150.000 profesionais. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense estivo presente un ano máis e valorou de xeito moi positivo o seu paso por esta feira de turismo, que serve de proxección mundial e que funciona como plataforma de negocios no sector.
O pasado xoves a Mancomunidade presentou en FITUR a súa nova campaña de comunicación interna A Mariña latexa contigo, evento no que estivo arroupada por autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector.
A campaña A Mariña latexa contigo tivo unha gran acollida por parte do público especializado, que ve nesta iniciativa unha oportunidade de promoción singular e a través das propias persoas que viven e dan vida ao territorio da Mariña.Tamén os veciños e veciñas da Mariña recibiron cos brazos abertos a iniciativa da que son os grandes protagonistas xa que, cunha visión moi persoal, achégannos aos seus concellos, describindo os recursos e experiencias más salientables de cada lugar e conformando así unha oferta turística chea de agarimo e autenticidade.
Campaña viral
O lanzamento da campaña xerou unha gran expectación nas redes sociais e en menos de 48 horas de exposición acadou elevadas cifras de interacción, o que amosa o interese e o apoio por parte do público. O vídeo principal da campaña que foi subido ás redes sociais da Mancomunidade e dos Concellos participantes chegou ás 300.000 reproducións totais e suscitou máis de 9.000 interaccións (Me Gusta, Comentarios, Compartido).
Ante este gran recibimento, a vicepresidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Ana Ermida, quixo agradecer “a todas as persoas que formaron parte da iniciativa, especialmente a aquelas que puxeron rostro e voz á campaña, xa que se converten en embaixadoras auténticas dun territorio único e fermoso, tanto polas súas paisaxes coma polas persoas que forman parte del”.
Encontros profesionais
Representantes da Mancomunidade aproveitaron tamén o seu paso por FITUR para manter encontros orientados á promoción do xeodestino e ao seguimento de diversos proxectos. Así, entre outras, reuníronse con membros do clube Soy Ecoturista interesándose por esta marca que agrupa destinos e empresas que ofrecen experiencias de ecoturismo en destinos con espazos protexidos; participaron nunha mesa de traballo vinculada ao Camiño do Mar co xeodestino de Ferrolterra-Ortegal; e mantiveron unha reunión con membros de Daboecia Arte y Naturaleza sobre o Encontro de Turismo e Observación da natureza NatureWatch que terá lugar a finais de marzo na Mariña.