Site icon Crónica3.com A Mariña

Fran Cajoto reclama apoio para conservar a actividade de Pescados Rubén, a primeira empresa de Foz en volume de facturación

Foz, 11 de xaneiro de 2025. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, anuncia que a vindeira semana iniciará unha rolda de contactos co comité de empresa de Pescados Rubén, coa dirección da firma e con axentes políticos para apoiar o mantemento da actividade da primeira empresa de Foz e 19 da provincia en volume de facturación (43,9 millóns de euros no ano 2023).

Segundo o alcalde de Foz, “estamos a falar de oitenta postos de traballo especializados no sector, man de obra moi cualificada, que chegaba a puntas de 150 operarios hai ben poucos anos. O obxectivo é que a actividade se manteña, que os traballadores e as súas familias poidan seguir contribuíndo a xerar riqueza e manter o seus proxectos en torno a unha actividade na que están máis que especializados”.

Fran Cajoto lembra a visita que realizou á factoría xunto ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, en decembro do ano 2023, pouco antes das eleccións autonómicas. “É o momento de traballar conxuntamente e buscar solucións, abrir as portas da Consellería do Mar e tender a man á dirección da empresa e aos seus traballadores. Limos hoxe en prensa que o luns e o martes da vindeira semana o IGAPE -dependente da Consellería de Economía da Xunta de Galicia- abre unha liña de axudas a empresas con 172,6 millóns de euros. Podería ser parte da solución, se hai vontade política na Consellería”, finaliza o alcalde.

Exit mobile version