Imaxina. Imaxina que nos últimos 15 meses tiveran morto en Ribadeo (onde somos, arredondando, 10 000 persoas de censo) 600 persoas máis das que morreron. É dicir, a maiores das mortes habidas, 1 de cada 16 persoas das que aínda estamos vivas. E que o pobo e as parroquias estiveran totalmente destruídas, sen terra nin para cultivar. Todos os superviventes abocados á fame…
Agora podes tentar imaxinar a causa de mortes extra… A estas alturas da historia, pódese dicir que as causas naturais son máis benévolas: deixarían algo de terra cultivable… Os humanos xa sabemos superar a natureza neste tema: con moita probabilidade, quedariamos nós, as propias persoas, como causa de tanta desolación. Claro que nese caso habería que procurar a causa que levaría ós causantes á destrución. Ambición e odio son os máis plausibles como motores. Dúas cousas que entendo son evitables con prevención, algo que non se fai.
Despois do exercicio anterior, podemos facer un contraste coa realidade e dar unha mirada fóra: o equivalente ó exposto no primeiro parágrafo é o que está a pasar en Palestina. Tanto as porcentaxes como a somera descrición. E non fai falta imaxinar a causa, está á vista de todos aínda que cada vez sexa menos noticia (o mesmo que o feito xenocida): é que Netanyahu estaba a perseguir a mestres terroristas, médicos terroristas, mulleres terroristas, nenos terroristas, etc.
Traducindo, a Palestinos.
Polo momento. Como segue a ter peticións de dimisión por corrupción e unha Gaza totalmente esnaquizada e morta por bombas ou fame xa pouco conta, pasa a Cisxordania, Siria, Iemen…
Netanyahu está a perseguir a paz. Literalmente, perseguir. Perseguir non no sentido figurado de tratar de atrapar que aparece nalgunha das acepcións do dicionario da RAG, senón nas que indican “Seguir a [alguén] por todas as partes importunándoo, molestándoo.” ou “Acosar e castigar [unha persoa] polas súas crenzas relixiosas, políticas etc.”. Para el, coido, ten as súas vantaxes: mentres lidera a súa xente nunha tarefa mesiánica, non importa tanto que sexa corrupto, mantén o poder, etc. Que ten desvantaxes para outros? ‘Outros’? Só hai el e os que están con el. ‘Outros’, non existen, ou como se non existiran como persoas. Un sentimento, este último, que está en plena expansión neste comezo de 2025 da era cristiá.