Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado terá lugar a XIV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo, que repartirá 6.000 euros premios, unha viaxe a Mallorca para dúas persoas e dúas xoias de alto valor

Ribadeo, 10 de xaneiro de 2025. Este sábado, 11 de xaneiro, terá lugar a XIV Festa do Comercio de Acisa Ribadeo, que repartirá 6.000 euros premios, unha viaxe a Mallorca para dúas persoas e dúas xoias de alto valor. O sorteo será nas carpas instaladas na Avenida Rosalía de Castro.

Desde Acisa a súa presidenta, Carmen Cruzado, explicou que “chega unha data moi importante para Acisa, chega un ano mais tras o Nadal o sorteo presencial da Festa do Comercio, que se realiza coas rifas entregadas durante toda esta campaña comercial, que deu comezo o pasado 5 de decembro. O sorteo comezará ás 20:30 horas, pero a urna estará instalada dende as 17:00 horas para que todos os veciños e veciñas poidan depositar as súas rifas nela con tempo e non ter que facer cola a última hora”.

Cruzado Iglesias lembrou que “foron 180.000 as rifas repartidas entre todos os negocios asociados a Acisa, 10.000 máis que o ano pasado. O sorteo de mañá suporá o colofón ao Nadal de Ribadeo. É unha data moi agardada por todas e todos e esperamos que teña unha incidencia moi positiva tanto no comercio como na hostalería, debido á cantidade de xente que mañá se achegará á nosa vila para presenciar o sorteo da XIV Festa do Comercio”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “como todos os anos haberá cadeiras para que a xente mais maior poida seguir o sorteo sentada. No exterior da carpa contaremos con pantalla xigante e con altofalantes para que todo mundo viva o sorteo da Festa do Comercio do mellor xeito posible. Vai ser un acto rápido, que tentaremos non dure moito máis de 30 minutos, tendo en conta que as previsións meteorolóxicas parece que nos van acompañar. O evento será conducido polo xornalista Félix Jorquera”.

Pérez Prada lembrou que “os premios, como xa anunciamos tamén son unha novidade. Este ano sorteamos unha viaxe valorada en preto de 1.000 euros para dúas persoas, de catro días de duración a Mallorca, a desfrutar no mes de maio; 6.000 euros en vales de compra de Acisa, que se repartirán nun premio de 2.500 euros, un de 1.500 euros, un de 1.000 euros, un de 500 euros e dous de 250 euros e dúas xoias de alto valor, un reloxo Time Force e un colgante de prata de lei con madreperla. Todos os premios se sortearán entre as papeletas que o 11 de xaneiro estean depositadas na urna situada á entrada da carpa, a excepción dun dos premios de 250 euros, que non é presencial, é dicir, este premio sortearase entre o total de rifas impresas e repartidas. Polo tanto é moi importante destacar que as rifas deben conservarse ata o sábado. Na urna hai que botar a parte máis pequena, que debe ir selada polo establecemento no que realizou a compra, e quedarse coa grande para o sorteo”.

Cruzado Iglesias subliñou que “si se extrae unha rifa que non está debidamente selada, quedará inmediatamente invalidada, tal e como recollen as bases do sorteo. Temos que insistir en que a xente poderá depositar as papeletas ata as oito e media da tarde, despois a urna trasladarase ao escenario desde o que dará comezo o sorteo desta XIV Festa do Comercio”.

A presidenta de Acisa dixo: “desde Acisa queremos agradecer de antemán ao Concello de Ribadeo a súa colaboración cos medios materiais e co persoal municipal para poder facer a montaxe adecuada para a celebración da Festa do Comercio; e agradecer ás empresas BeOne e Multitrasteros o seu patrocinio, así como a Galería Terra Branca e Xoeiría Azabache como colaboradores desta campaña na que se repartiron e esgotaron as 180.000 rifas editadas. Grazas tamén á clientela dos negocios de Ribadeo por apostar unha vez máis por facer as súas compras na nosa vila, nas tendas físicas atendidas por persoas, que sempre están dispostas a asesorarnos e a ofrecernos o mellor trato e o mellor produto posible. Agardamos seguir contando coa súa confianza”.

Pérez Prada engadiu que “con este sorteo poñemos o broche de ouro a unha campaña excepcional, a nivel hostaleiro e hostaleiro estamos moi satisfeitos, cos datos que temos dos nosos socios, durante o Nadal estimamos un aumento de vendas de entre o 15 e o 20 % con respecto ao ano pasado e nun incremento de entre un 10 % e un 15 % no comercio, en termos medios. En termos anuais pechamos un ano 2024 de récord cun aumento na facturación media de ata un 25% anual no sector hostaleiro e con ata un 10% anual no sector comercio e servizos“.

Exit mobile version