Alumnado dos ciclos de hostalería e de FP básica asistiron esta mañá á charla, que se desenvolveu no salón de actos do centro. Na cita participaron dous ex alumnos do IES de Foz: o cociñeiro Bruno Pena e Pablo Fernández, un dos propietarios do restaurante focense O Rincón do Mis; ademais de Iván Marrube, CEO de Reyco. A charla foi conducida pola presidenta da FCAM, Carmen Cruzado.
Os tres conferenciantes subliñaron que A Mariña é unha comarca con moitas potencialidades, que os salarios e os traballos que aquí se poden atopar reúnen as mesmas condicións que os empregos aos que se pode acceder en grandes cidades. E incidiron en que a calidade de vida da Mariña non é comparable a ningún outro lugar de España.
A presidenta da FCAM agradeceu a posibilidade de falar no IES de Foz sobre o futuro laboral na Mariña lucense: “grazas a Leticia Maseda, directora do centro, por permitirnos achegarnos aos estudantes a contarlles a realidade que nos fan chegar as empresas ás que representamos; e tamén a Beatriz Trigo, dinamizadora da relación con empresas na FP, por acompañarnos unha xornada máis nesta andaina que arrincou o pasado mes de novembro en Ribadeo, que xa pasou por San Cibrao e hoxe por Foz e que seguirá nos vindeiros meses noutros centros da comarca”.
Asistiron á xornada o tesoureiro da FCAM, José Carlos Paleo, e a xerente da Federación, Beatriz Irigoyen.