Ribadeo, 23 de xaneiro de 2025. Hoxe seguiu no IES de Foz o ciclo de charlas da FCAM sobre o futuro laboral na Mariña lucense. Están destinadas aos estudantes de FP aos que lles queren insistir en que “aquí hai futuro, que hai moita demanda de man de obra por parte das empresas, e que tamén nesta comarca é posible emprender”.
Alumnado dos ciclos de hostalería e de FP básica asistiron esta mañá á charla, que se desenvolveu no salón de actos do centro. Na cita participaron dous ex alumnos do IES de Foz: o cociñeiro Bruno Pena e Pablo Fernández, un dos propietarios do restaurante focense O Rincón do Mis; ademais de Iván Marrube, CEO de Reyco. A charla foi conducida pola presidenta da FCAM, Carmen Cruzado.
Os tres conferenciantes subliñaron que A Mariña é unha comarca con moitas potencialidades, que os salarios e os traballos que aquí se poden atopar reúnen as mesmas condicións que os empregos aos que se pode acceder en grandes cidades. E incidiron en que a calidade de vida da Mariña non é comparable a ningún outro lugar de España.
A presidenta da FCAM agradeceu a posibilidade de falar no IES de Foz sobre o futuro laboral na Mariña lucense: “grazas a Leticia Maseda, directora do centro, por permitirnos achegarnos aos estudantes a contarlles a realidade que nos fan chegar as empresas ás que representamos; e tamén a Beatriz Trigo, dinamizadora da relación con empresas na FP, por acompañarnos unha xornada máis nesta andaina que arrincou o pasado mes de novembro en Ribadeo, que xa pasou por San Cibrao e hoxe por Foz e que seguirá nos vindeiros meses noutros centros da comarca”.
Asistiron á xornada o tesoureiro da FCAM, José Carlos Paleo, e a xerente da Federación, Beatriz Irigoyen.