A alcaldesa quixo destacar o papel das asociacións de pais e nais á hora de crear “contornas escolares máis inclusivas, participativas e de calidade”
Na xuntanza, ademais de abordar diferentes cuestións relativas ao funcionamento dos centros, tamén lles entregaron un cheque por valor de 1250 euros por asociación, para contribuír coas actividades que programan ao longo do curso.
A alcaldesa quixo afondar no importante traballo que desenvolven estes colectivos, e o que pretendemos con esta axuda –explicou- “é contribuír a fomentar as actividades lúdicas, educativas e culturais que promoven as asociacións de pais e nais ao longo de todo o ano, e que enriquecen o desenvolvemento do alumnado, creando ao tempo unha contorna escolar máis inclusiva, participativa e de calidade”.
É unha axuda pois que vai dirixida a dinamizar a escolarización –precisou- “ademais de brindarlles ás ANPAS unha axuda económica para que poidan facer fronte aos seus gastos de funcionamento”.
Esta achega municipal vén sumarse ás axudas que se entregaron en días pasados para gastos de transporte do alumnado que estuda fóra e tamén dirixidas aos centros educativos, “o que é unha mostra do noso compromiso coa educación, que é a base do futuro das vindeiras xeracións”.