Este sábado 11 de xaneiro puidemos asistir á presentación do libro “Entre a memoria e o esquecemento. Unha visión do pasado español dende o exilio republicano en México”, de Guiomar Acevedo López (Edicións Laiovento). Da man da autora, e tamén de Carlos Méixome, investigador entre outros moitos eidos, de todo o relacionado coa memoria histórica; e tamén da man do ribadense Mario López Rico, que traduciu este ensaio ao galego, puidemos gozar dun excelente repaso sobre os acontecementos e vivencias vividos ao longo da segunda metade do século XX por aquelas persoas que tiveron que se exiliar, e tamén por aquelas que aquí ficaron exiliadas interiormente.
A historia componse dun feixe de cativos acontecementos que a enchen de contido. Con letras capitais, os libros de Historia reviven o pasado alumando o horizonte do futuro. Pero a luz pódese descompoñer en partículas miúdas que, grao a grao, van facendo morea, van gañando consistencia e convértense nun menhir referente para xeracións futuras. Esa foi a mensaxe que comezou lanzando Mario López Rico evocando o pensamento de Walter Benjamin.
O sábado 11 fixemos un pequeno exercicio de anámnese colectiva: evocamos as vivencias dos galeguistas que se exiliaron tras o golpe de estado contra o réxime republicano legalmente constituído; das xentes defensoras dos nosos sinais de identidade e da liberdade, que viron como o fascismo prolongaba unha guerra (cruel de por si) co fin de exterminar toda voz disidente e facer un país á súa medida. Mais no exilio tamén se seguiu a facer país e a loitar polas liberdades. Ben o destacou Carlos Méixome analizando a presenza do galeguismo no exilio en América.
Fixemos un exercicio de tránsito interxeracional comprobando como as primeiras xeracións agocharon por mor do medo as crueis vivencias experimentadas coa ditadura franquista; vendo como as segundas xeracións comezaron a intuír a faciana perversa do réxime ditatorial; constatando, en fin, como as terceiras xeracións demandaban coñecer que ocorrera cos seus avós e avoas que tanto temor infundía aínda nos seus pais e nais.
Da man das palabras de Mario López Rico (tradutor ao galego do ensaio “Esquecemento e memoria”, de Guiomar Acevedo López); escoitando a Carlos Méixome (investigador a fondo da represión franquista); e, sobre todo, da man de Guiomar Acevedo López, neta de exiliados republicanos, acertamos a comprender a necesidade de mantermos viva a memoria dese tempo de ilusión, dese momento de recuperación e dignificación da identidade colectiva galega e dos ideais democráticos de liberdade e xustiza social. Foi un reencontro entre ribadenses, mariñaos e xentes de ben que aman a democracia. Un reencontro que poderemos volver experimentar a través da lectura deste ensaio editado por Laiovento e que podemos demandar nas nosas librarías.
É o que ten a lectura, o mundo dos libros: ese tesouro infindo que nos abre a novas dimensións, que nos garante a recuperación do pasado e o deseño dun futuro mellor. Velaquí o empeño da Agrupación Cultural Francisco Lanza dedicando boa parte dos seus esforzos a promocionar o libro galego no xénero que sexa e na lingua que nos une é dá sentido á nosa existencia como pobo. Nesta ocasión, ollando “Entre o esquecemento e a memoria” (Edicións Laiovento), escoitando a Guiomar Acevedo López, a súa autora, na Biblioteca Municipal El Viejo Pancho, de Ribadeo experimentamos todas estas emocións, a sensación do rigor histórico combinado coa tenrura das vivencias persoais dos nosos avós e avoas para que llas poidamos transmitir ás nosas netas e netos. Que grande ocasión de comprobarmos que ler fainos máis libres!
Farruco Graña, presidente da Agrupación Cultural Francisco Lanza.