Esta iniciativa que naceu en colaboración coas ANPAS dos dous colexios da localidade, é totalmente de balde e foi pensada para axudar a conciliar ás familias que o precisen nas primeiras horas do día
Cervo, 17 de xaneiro, 2025. O Concello de Cervo xa ten en marcha, en colaboración coas ANPAS do CEIP de Cervo e do CEIP Península da Paz, o servizo Cervo Madruga, dentro do programa Corresponsables de Cervo.
Máis de trinta familias xa fan uso deste servizo de apoio na conciliación que é totalmente gratuíto. En concreto son 38 as crianzas que comezan o día nun ambiente seguro, educativo e adecuado antes do inicio das clases -26 no CEIP de Cervo e 12 no CEIP Península da Paz, concretamente-.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata os dous centros para comprobar in situ como marcha a iniciativa, “coa que demos resposta a unha necesidade existente en moitas familias que comezan a xornada laboral antes que arrinque a xornada escolar dos seus fillos/as “buscando ofrecerlles un ambiente tranquilo e estimulante desde o primeiro momento do día, cun horario flexible e adaptado ás súas necesidades”.
No programa, as familias teñen a opción de elixir o horario de 7:30 a 8:30 horas (con almorzo); ou de 8:30 a 9:30horas, no caso do CEIP Península da Paz, ou 9:35 horas, no caso do CEIP de Cervo.
As familias que aínda desexen sumarse á iniciativa poden facelo comunicándollo á ANPA correspondente ou cubrindo a solicitude dispoñible na Casa do Concello ou na Casa da Cultura.