Así o opinan os populares tras a ruptura do goberno de coalición de Foz pola saída do BNG do mesmo
Foz, 14 de xaneiro de 2025. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Foz, Javier Castiñeira, opina que, tras a ruptura do goberno de coalición pola saída do BNG do mesmo, “moito terá que cambiar Cajoto se quere saír deste furado que el mesmo cavou”.
O problema do illamento do alcalde xa ben desde o inicio da pasada lexislatura cando dimitiron tres concelleiros polos mesmos motivos polos que fracasa agora co BNG, individualismo e falta de traballo en equipo.
“A situación na que queda o Concello de Foz, despois da ruptura do bipartito de esquerdas, é moi grave por varios motivos: primeiro, porque levamos 5 anos arrastrando unha parálise total dos proxectos importantes e porque os servizos son peores e máis caros desde que goberna Cajoto; segundo, porque temos un alcalde que se non foi capaz de aproveitar unha maioría peor, aínda, o terá en minoría cando é incapaz de escoitar a ninguén e está acostumado ao ‘ordeno e mando’”, sinala Javier Castiñeira.
O Partido Popular teno moi claro, vai a seguir a mesma liña que leva ata o día de hoxe: responsable, propositiva, intensa para facer oír a voz dos veciños e fiscalizadora da acción do goberno. En cambio, moito terá que cambiar Cajoto para comezar a escoitar ao resto de grupos, negociar solucións e rebaixar os seus egos porque non o fai nin cos seus propios compañeiros de partido.
Por outra banda, o BNG foi un socio sumiso que lle deu alas e poder total ao señor Cajoto e, polo tanto, é cómplice do que está pasando e debe cambiar de actitude se pretende, nesta segunda metade da lexislatura, serlle útil aos veciños. “O seu cambio de postura no asunto da residencia, no que o PP foi sempre moi rigoroso, é un claro exemplo de como se pode traballar polo pobo sen ter que renunciar aos principios políticos ou militando en partidos moi diferentes”, explica o voceiro popular.
“Desgraciadamente, igual que anticipamos fai anos a ruptura do goberno bipartito, sabemos perfectamente cal vai ser a actitude de Cajoto nesta etapa en minoría porque é a que ven usando cando as cousas non lle saen como quere: usar o vitimismo e botarlle a culpa aos demais”, finaliza o voceiro do PP de Foz.