Foz, 31 de xaneiro de 2025. No pleno da corporación municipal de Foz celebrado onte, xoves, a preguntas do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego, o alcalde, Fran Cajoto, defendeu “a aposta por unha mobilidade sostible no casco urbano planificada e ordenada, co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns. No pasado mandato fixemos todos un exercicio colectivo de planificación do modelo de pobo que queremos. Para iso tanto os axentes sociais como as asociacións de veciños e empresariais -como a ACIA local- e con responsabilidade na seguridade, como a Policía Local, e con responsabilidades administrativas, como os distintos grupos políticos, traballamos nun documento consensuado que está aprobado e en vigor. Ao respecto, a rúa Corporacións Municipais vén deseñada cun sentido único de circulación en dirección Burela, complementando a reordenación da rúa Irmandiños”.
O rexedor municipal engade que “non se poden permitir en ningún caso as demagoxias e falsidades do Partido Popular. A realidade é que as dimensións da rúa imposibilitarían en calquera caso manter o dobre sentido de circulación se non reducimos os estacionamentos. O PP e o señor Castiñeira en ningún caso se refiren a este feito, que provocaría perder a metade das prazas de aparcamento na rúa Corporacións Municipais, prexudicando moito ás veciñas e veciños e tamén, por suposto, aos establecementos comerciais que se sitúan nela. Pero non só iso, no proxecto que está agora mesmo en fase de contratación por parte da Deputación de Lugo contémplase unha senda peonil anexa ao campo de fútbol Martínez Otero que vai solucionar a problemática actual que imposibilita a unha persoa camiñar por esa marxe da rúa Corporacións Municipais”.
“Despois das incongruencias durante o goberno do señor Castiñeira coa avenida da Mariña, na cal primeiro ía permitirse a circulación de vehículos con normalidade, despois cambiouse esa idea para bloquear completamente o tráfico de calquera tipo e posteriormente se limitou a facilitar o paso só a aqueles que ían mercar nos establecementos da rúa, co cal a Policía Local tiña que multar en función de se tiñas un ticket de compra ou non; despois tamén das incongruencias mostradas na rúa Álvaro Cunqueiro, que se reformou en base a un proxecto que non definía o sentido de circulación senón que daba tres posibles alternativas e falaba dese viario como unha rúa reversible; e despois dun traballo conxunto para un plan de mobilidade, que por primeira vez planifica cun sentido técnico e pensado a mobilidade en Foz, e incrible que o PP actúe de novo deste xeito”, manifesta o alcalde.
Fran Cajoto comenta tamén que “o señor Castiñeira o único que busca é polemizar sen ofrecer ningunha alternativa en moitos asuntos, como fai usando un incidente no Entroido do ano 2024 para criticar a situación da carpa do Carnaval. Pedímoslle no pleno coherencia e nós o que buscamos son consensos, non entendemos que os partidos políticos voten en contra daquelas cuestións que son positivas para o pobo. E antes de criticar débese dar a oportunidade de que as melloras que se introducen funcionen porque o noso talante construtivo que demostramos en proxectos tan recentes como o da humanización da rúa Irmandiños, no cal se introduciron cambios no tramo inicial da rúa Eduardo Pondal por petición dos veciños para facilitar a mobilidade da zona. Sempre mostramos esa sensatez, esa escoita e un traballo continuo e diario para que as cousas saian adiante. O modelo que queremos é o de cidades como Pontevedra, Lugo ou Vitoria, que son exemplos de creación de espazos de convivencia. E cremos que as críticas sempre deben ir acompañadas de argumentos. Aí nos vai atopar a oposición pois temos cuestións moi importantes que tratar e que deben ser aprobadas por unanimidade no pleno do Concello. Nós predicamos co exemplo: no pleno deste xoves a unha moción do Partido Popular para demandar ao goberno do Estado que permita a utilización dos remanentes municipais para investimentos votamos a favor; e con ese consenso e coherencia vamos actuar en todo momento”.
“Desde o Concello de Foz agradecemos á Deputación de Lugo o investimento que vai realizar na rúa Corporacións Municipais, que é da súa titularidade. Trátase dunha obra que é de sinxela e rápida execución xa que consistirá no fresado do firme actual, na extensión dunha nova capa de aglomerado e na renovación da sinalización”, remata o alcalde.