Rematamos con este artigo a xeira de tres desenvolvidos como achegas ao actual debate a respecto da liberdade de expresión, precedida polos antecedentes “Entendermos a liberdade de expresión” e “Definirmos a veracidade das informacións”.
Nesta última semana coñecemos da proposta do presidente do Goberno do Estado, Pedro Sánchez no Foro de Davos a respecto da supresión do anonimato das persoas que interveñan nas redes sociais (rr.ss.), precisamente diante da supresión dos controis de verificación (fact-checking) anunciados por Zuckerberg a respecto das rr.ss. da corporación Meta (facebook, instagram e threads), como xa os suprimira Musk na X (antiga twitter) cando mercou a empresa editora. Segundo Sánchez (que non fixo senón actualizar vellas propostas do Goberno Rajoy) a supresión do anonimato nas rr.ss. é fulcral para penar o ciberacoso, as calumnias, as inxurias e os discursos de odio nas rr.ss., é dicir, para delimitarmos os límites da liberdade de expresión recoñecidos no artigo 20 da Constitución e na xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Semella esta unha proposta que conecta cun problema real da difusión de opinións e informacións nas rr.ss., como é o problema de identificación da persoa ou persoas que se atopan detrás dese nickname ou alcume que emite opinións que sobordan os límites da liberdade de expresión, quer por vulnerar os dereitos fundamentais doutras persas á súa honra ou privacidade, quer por espallar graves discursos de odio a respecto de persoas inseridas en colectivos vulnerábeis ou historicamente discriminados e, xa que logo, que corren risco obxectivo de despersonalización. Mais son moitos os inconvenientes de suprimir o anonimato, que está a posibilitar en moitos casos a difusión de ideas, opinións e informacións por persoas que, polas súas circunstancias persoais (emprego, xénero, pertenza a determinada minoría…) temen as resultas desta difusión. En realidade o anonimato nas rr.ss. atende aos intereses da liberdade de expresión das persoas menos empoderadas, das persoas máis vulnerábeis. Pensemos nunha persoa de Kenia, onde a homosexualidade é delicto, confesando a súa opción sexual ou a un cidadán iraniano ou saudí comunicando que abxura da súa relixión musulmá..
A liberdade de expresión é incompatíbel con calquera caste de censura previa e de intervención administrativa. A sanción do ciberacoso, das inxurias, calumnias e discursos graves de odio só pode ser competencia do Poder Xudicial, único que pode xulgar crimes nunha democracia. Ao Ministerio Fiscal e á Policía Xudicial lles cómpre, baixo do control xudicial, pescudar a verdadeira identidade da persoa usuaria acusada dun delicto de expresión nas rr.ss., para o que existen variadas ferramentas, sen prexuízo da obriga de colaborar as empresas titulares das rr.ss. coa Administración de Xustiza, baixo imputacións de graves delictos se omiten facelo.
Neste contexto mellor lle sería ao PSOE (ollo, tamén o PP ten expresado a súa idea de suprimir o anonimato nas rr.ss.) proporlle á maioría da investidura (178/350 deputados) medidas precisas e eficaces para alargar a liberdade de expresión, evitando procesos xudiciais que poden rematar na condena penal de persoas por opinións ou discursos que haberían ser considerados interiores sempre, consonte coa xurisprudencia do TEDH e do propio Tribunal Supremo USA, interiores ao perímetro da liberdade de expresión. Velaí a necesaria despenalización dos delictos de expresión ( inxurias á Coroa, aldraxes ás bandeiras, contra dos sentimentos relixiosos e de louvanza ao terrorismo), trasladando a protección penal das vítimas do terrorismo á regulación dos delictos de odio. Esta reforma do Código Penal habería tamén deixar moi claro que só son puníbeis os discursos de odio graves e delimitar moi ben os colectivos protexidos, que han de se cinguir aos historicamente discriminados ou actualmente vulnerábeis.
O problema non é que haxa moita liberdade de expresión, senón precisamente as restricións á mesma, nomeadamente cando falamos das persoas máis vulnerábeis e menos empoderadas.