Burela, 3 de xaneiro de 2025. O Concello de Burela recibe este domingo, 5 de xaneiro, a visita das súas maxestades, os Reis Magos de Oriente, cunha gran xornada de festa dirixida á rapazada da vila e as súas familias.
Melchor, Gaspar e Baltasar sairán ás 19:00 horas da rúa do Ril e o percorrido rematará na praza da Mariña, onde terá lugar a recepción das súas maxestades.
Na carpa da Praza da Mariña, terá lugar unha deliciosa rosconada e chocolatada para goce de todos os asistentes. Ademais, realizarase o gran sorteo do Premio de Nadal, cun valor de 3.000 euros en vales de compra. O Concello conta coa colaboración da SRC Ledicia e de ACIA Burela na organización do evento.
“A deste domingo será unha tarde chea de maxia antes da noite máis especial do ano para os máis pequenos e pequenas da casa. Animamos a toda a veciñanza a achegarse á cabalgata, desfrutar e saudar aos Reis Magos na carpa da praza da Mariña”, sinala Carmela López, alcaldesa de Burela.
“En función das condicións meteorolóxicas, o Concello informará dos posibles cambios no percorrido da cabalgata. No caso de alerta amarela ou laranxa, só se realizará a recepción na carpa”, explica a rexedora.