“Formamos parte dunha comarca cun enorme patrimonio natural, histórico e gastronómico”, asegura a alcaldesa, Carmela López
Madrid, 24 de xaneiro de 2024. O Concello de Burela remata hoxe a súa presenza en FITUR, coa satisfacción do traballo realizado e a percepción de que “a nosa vila e a Mariña están cada vez mellor posicionadas como destino turístico”.
“Formamos parte da proposta conxunta da Mariña, porque a colaboración e a unión son boas para promocionar a riqueza dunha comarca que ten un enorme patrimonio cultural, natural, histórico e por suposto gastrónomico”, explica Carmela López.
A alcaldesa destaca que “dentro dese detino conxunto, Burela representa un destino de turismo sostible, cada vez máis coñecido pola nosa autenticidade”.
“Non buscamos grandes aglomeracións, o que queremos é un turismo respectuoso coa natureza; en Burela atoparán experiencias reais, xeorutas, poden coñecer o noso barco museo, a Feira do Bonito ou Festival Osa do Mar, somos un pobo acolledor con quen nos visita”, explica López.
Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández Rey, destacou que “FITUR é a feira turística máis importante do mundo, polo que é unha oportunidade perfecta para poñer en valor o noso concello e a nosa comarca”.
O concelleiro quixo salientar tamén a presentación da Feira Expomar na Casa de Galicia en Madrid, “un acto moi importante para Burela, un escenario único para darlle visibilidade a esta feira Expomar que celebramos no mes de maio”.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, engade “a satisfacción de ver como medra ano a ano o interese por coñecer Burela”.