Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela participará un ano máis en FITUR para promover o seu patrimonio gastronómico, natural e cultural

Burela, 20 de xaneiro de 2025. Unha representación do Concello de Burela acudirá á feira turística FITUR 2025, que comezará este mércores, día 22 de xaneiro, no recinto feiral IFEMA de Madrid.

O municipio estará presente un ano máis en FITUR para promover os seus diversos atractivos turísticos, tanto no eido gastronómico como no cultural ou no do ocio, así como a súa riqueza natural.

O Bonito de Burela e a Feira do Bonito estarán de novo entre os grandes protagonistas da promoción turística da vila, que tamén reivindicará en FITUR o seu porto, o barco museo Reina del Carmen e outros activos da súa tradición pesqueira.

As praias e as xeorrutas de Burela tamén terán o seu espazo na feira turística internacional, así como o terán a súa combinación entre rural e urbano e eventos destacados como o Festival Osa do Mar.

“En Burela respiramos mar, saboreamos tradición e vivimos coa intensidade dunha vila que nunca para”, sinala a alcaldesa Carmela López. “Somos a casa do Bonito do Norte, das experiencias auténticas e das praias que namoran”, engade.

A rexedora aproveitou a ocasión para convidar ao municipio “a todas as persoas que busquen sabor, natureza e hospitalidade, pois Burela agarda cos brazos abertos”. “A nova edición de FITUR será unha ocasión inmellorable para visibilizar todo isto a nivel internacional”, apuntou.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo e Mar, Ramiro Fernández Rey, destacou que no marco da feira turística terá lugar unha presentación conxunta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, o xoves 23 ás 16:30 no stand de Galicia.

“Vamos con moita ilusión, co obxectivo de reflectir o bo traballo que se está facendo tanto a nivel local como a nivel xeral da Mancomunidade”, sinala o edil. “Así o sinalan os datos, coa auxe que tivo o turismo na Mariña e en Burela en particular”, subliña.

“Como ben sabemos, FITUR é a feira turística máis importante do mundo, polo que é unha oportunidade perfecta para poñer en valor este traballo e para coñecer as novidades que van xurdindo no mundo do turismo en xeral”, afirma Fernández Rey.

O concelleiro quixo salientar tamén a presentación da Feira Expomar na casa de Galicia en Madrid, “un acto moi importante para Burela, xa que acudirán diversas autoridades e figuras do sector”.

“Pensamos que é un escenario único para darlle visibilidade a esta feira Expomar que celebramos no mes de maio en Burela”, indica Fernández Rey. “Seguiremos na liña na que estamos, mellorando os datos turísticos ano tras ano, e para iso é esencial aproveitar oportunidades como estas”, conclúe.

Capital do Bonito do Norte e a súa Feira

O bonito do Norte é o embaixador gastronómico por excelencia de Burela. Este produto estrela, que leva o sabor do Atlántico aos mellores mercados, é o protagonista indiscutible da afamada Feira do Bonito. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional, esta celebración non só honra a nosa tradición pesqueira, senón que é unha porta aberta á hospitalidade e á paixón que definen á nosa xente.

Burela: porto estratéxico e museo flotante

O porto de Burela é un dos máis relevantes do Cantábrico e un motor económico para a nosa vila. Este espazo non só é epicentro de actividade pesqueira, senón que ofrece a oportunidade de mergullarse na historia do mar a través do Barco Museo “Reina del Carmen”, onde as persoas visitantes poden vivir unha experiencia auténtica e educativa sobre a vida dos mariñeiros e a riqueza do Atlántico.

Xeorutas e o esplendor natural da rasa cantábrica

Os amantes da natureza atoparán en Burela un paraíso xeolóxico. As nosas xeorutas pola rasa cantábrica ofrecen unha inmersión única nunha paisaxe esculpida pola natureza ao longo de milleiros de anos. Ademais, as nosas praias de area dourada e augas tranquilas son o lugar perfecto para desconectar e deixar que o son das ondas sexa o único protagonista.

Osa do Mar: cultura e creatividade

Burela é tamén sinónimo de cultura e creatividade. O festival Osa do Mar é un evento clave que atrae música, arte e bo ambiente á nosa vila, consolidándonos como un punto de referencia para os amantes das novas propostas musicais.

Calidade de vida e encanto urbano

Burela é a combinación perfecta entre a tranquilidade dunha vila mariñeira e a comodidade dunha pequena cidade urbanita. Con todos os servizos ó alcance e unha temperatura suave durante todo o ano, é o destino ideal para quen busca desconectar sen renunciar á comodidade.

Burela preséntase en FITUR como unha vila que sabe combinar tradición e modernidade, un lugar onde o mar conta historias e a xente abre os brazos. Un destino que engancha os sentidos e invita a volver.

Exit mobile version