Burela, 3 de xaneiro de 2025. O Concello de Burela acollerá, na Casa da Cultura, un Concerto de Reis a cargo da agrupación musical viveirense Sons de Celeiro.
Este recital terá lugar ás 19:00 de mañá, sábado 4 de xaneiro, no auditorio da Casa da Cultura. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.
A agrupación repasará as cancións dos seus tres traballos discográficos editados, lanzados ao longo de xa 12 anos de traxectoria ininterrompida.
Trátase dun grupo vocal formado por un total de 14 integrantes. A pesar de que o grupo naceu na parroquia viveirense de Celeiro, conta con varios integrantes procedentes de Burela.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, animou á veciñanza “a acudir a este concerto como previa ao día de Reis para desfrutar da traxectoria de Sons de Celeiro”.