O secretario xeral dos socialistas galegos subliñou que esta infraestrutura é froito do impulso e da responsabilidade dos socialistas, “un proxecto estratéxico que o PP deixou abandonado durante anos nun caixón e que agora comeza a ser unha realidade grazas á determinación do noso partido”
Madrid, 22 de xaneiro de 2025. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, celebrou hoxe o anuncio do Goberno de España sobre a aprobación do trazado do primeiro tramo da autovía A-74 da Mariña, entre O Carme (Foz) e Barreiros, un proxecto que destacou como “un paso imprescindible para o futuro da Mariña e unha mostra máis do compromiso dos socialistas con Galicia”.
Besteiro subliñou que esta infraestrutura, cun investimento previsto de 123,6 millóns de euros, é froito do impulso e da responsabilidade do Goberno socialista, “un proxecto estratéxico que o PP deixou abandonado durante anos nun caixón e que agora é unha realidade grazas á determinación do noso partido”.
“Os socialistas somos quen de converter en realidade as demandas históricas desta comarca, que leva décadas sufrindo o abandono por parte do Partido Popular. Non se pode esquecer que foron gobernos socialistas os que impulsaron as únicas variantes da Vía de Alta Capacidade Costa Norte rematadas ata o momento, como Xove e Ortigueira. Agora, volvemos demostrar que sabemos cumprir coa palabra dada”, afirmou.
O voceiro socialista lembrou que a aprobación do proxecto de trazado deste tramo é o primeiro paso cara á execución dunha infraestrutura vital para garantir a mobilidade e fomentar o desenvolvemento económico da Mariña. “A nosa prioridade sempre foi e seguirá sendo atender as necesidades reais da cidadanía e poñer en marcha proxectos que melloren a súa calidade de vida e potencien o tecido produtivo da nosa terra”, engadiu.
Besteiro criticou duramente a inacción do PP durante os seus mandatos. “É lamentable que o Partido Popular, tanto desde a Xunta como nos gobernos estatais anteriores, non fora quen de avanzar nin un só metro nesta infraestrutura tan necesaria. Abandonaron á Mariña e, con ela, a provincia de Lugo e Galicia enteira”, denunciou.
Ademais, o secretario xeral do PSdeG destacou a importancia de poñer fin á Galicia das desigualdades, á Galicia de dúas velocidades que o PP, tanto con Feijóo como agora con Rueda, perpetuou durante os últimos anos. “Os socialistas traballamos por unha Galicia unida, onde todas as comarcas teñan as mesmas oportunidades e non haxa cidadáns de primeira e de segunda”, insistiu.