O senador mariñán advirte dos “prexuízos” que provoca o desinterese Ministerial polo futuro da actividade e dos empregos que xera a única fábrica de produción de aluminio primario que opera en España
San Cibrao, 3 de xaneiro de 2025. Os senadores do PP lucense diríxense ao Goberno de Pedro Sánchez para que aclare por escrito “cando convocará a reunión da mesa de seguimento do pacto de Alcoa”, toda vez que suspendeu, de forma unilateral, a reunión que estaba prevista o luns 9 de decembro e na que, entre outros asuntos, se debera analizar a nova situación tralo pre-acordo con Ignis como socio inversor.
Os populares preguntan no Senado formalmente ao Executivo sobre os motivos da anulación desa reunión que xa se tería que ter celebrado con anterioridade. O Goberno de Sánchez comprometérase a convocar unha reunión cada trimestre, pero non se celebra ningunha dende o 12 de xuño. É dicir, dende fai 6 meses e medio.
O mariñán José Manuel Balseiro advirte dos “prexuízos” que provoca o desinterese do Goberno de Sánchez polo futuro da actividade e dos empregos que xera a única fábrica de produción de aluminio primario que opera en España.
Así mesmo, tras confirmar o Executivo nunha resposta a outra pregunta do senador do PP lucense formulada anteriormente que non estaba previsto que participaran os ministros -a previsión era que estivese presidida pola Secretaria de Estado de Industria-; esixen ao Goberno de Sánchez que aclare se na próxima reunión participarán os actuais titulares dos ministerios de Industria, Enerxía e Turismo e Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, “tal e como demanda o comité de empresa”.
Balseiro lembrou que “o presidente da Xunta manifestou a súa vontade de asistir para garantir que a reunión sexa do máximo nivel e forzar a asistencia tamén, como mínimo dos respectivos Ministros”.
Os senadores puideron coñecer recentemente a situación dos traballadores nunha reunión cos representantes do comité de empresa na que participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro. Os representantes do PP no Senado tamén lles trasladaron as respostas do Goberno de Sánchez as distintas preguntas coas que fixeron seguimento da situación da planta ao longo do 2024 para que “o comité de empresa coñeza a postura do Goberno de Sánchez en relación a Alcoa”.
Os populares reivindican “a continuidade da actividade na planta da Mariña e o mantemento dos postos de traballo directos e indirectos”.
DEBERES PENDENTES DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
Balseiro lembra que “os parques eólicos dependentes do Goberno do Estado e vinculados a Alcoa continúan sen autorización despois de máis dun ano e a pesar de que o secretario xeral do PSdeG-PSOE prometera resolver a situación”. En materia de enerxía a prezos competitivos, “tampouco hai data para a aprobación dun novo estatuto electrointensivo”.
Así mesmo, explica que “o Goberno de Sánchez tampouco esgotou o tope máximo das axudas por CO2 e, incluso, no caso de que unha vez implantadas as distintas medidas de apoio non sexan suficientes tampouco teñen vontade de cumprir os reiterados acordos parlamentarios e intervir de forma temporal e instrumental Alcoa.