Burela, 7 de xaneiro, 2025. Os centros e programas de menores e inclusión que xestionan as Fillas do Divino Celo – Rogacionistas en A Mariña constitúen, como é ben sabido, un soporte fundamental para gran cantidade de nenos, nenas e adolescentes, así como para persoas e familias en situación de vulnerabilidade. Un dos piares internos e, por tanto, non tan coñecido, que contribúe ao bo desenvolvemento de toda esta obra social é, sen dúbida, a firme aposta que a entidade realiza pola formación constante dos seus traballadores nun amplo número de áreas: administración e dirección, manexo de programas informáticos, xestión de calidade, intervención e resolución de conflitos con menores, elaboración de proxectos educativos, intervención coas familias etc.
Durante o ano 2024, levaron a cabo na entidade 17 accións formativas. O que supuxo un total de 120,5 horas ofrecidas ao persoal de San Aníbal. En comparación co anterior ano, ofrecéronse aos traballadores da entidade un 42% máis de horas de formación, un incremento realmente significativo.
O total de horas en materia de formación que realizou o conxunto de todos os empregados ao longo do ano recén finalizado foi de 791,5 horas. Delas, 527,5 foron en modalidade presencial e 264 en modalidade en liña.
Foron un total de 28 traballadores os que recibiron formación durante os últimos doce meses. Por grupos profesionais, 19 deses profesionais son membros do equipo educativo; 5 son da área de administración e servizos; e 4 forman parte do equipo directivo da entidade.
A valoración media que os propios participantes fixeron de cada unha desas accións formativas foi de 3,63 (nunha escala do 1 ao 5, sendo o cinco a máxima puntuación), por tanto, folgadamente superior á cualificación de “boa” (3) por parte dos traballadores.
Entre os cursos mellor valorados do 2024, podemos citar a formación presencial de Primeiros Auxilios, de 5 horas de duración, por parte de Previsonor e realizada por un profesional do 061; a xornada de “Formación en materia de menores” que organizou a Mesa Social da Infancia e a Familia, con relatores especializados na devandita área vindos de Burela, Madrid e Barcelona; e tamén a formación “Adolescentes migrantes sen referentes familiares” (de 12 horas de duración, repartidas en 2 días) que tivo lugar na Universidade de Estremadura e na que participaron membros do equipo directivo de San Aníbal.
Mención especial merece o esforzo dedicado ao ámbito da Doutrina Social da Igrexa, de significativa relevancia para a Congregación das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas. Foron un total de 18 horas, repartidas en 6 sesións mensuais (de tres horas cada unha) de xaneiro a xuño de 2024.
Outras accións formativas valoradas positivamente foron “Dependencia emocional”, “Protocolo para delitos sexuais”, “Crianza terapéutica”, “Entender e avaliar o apego” ou “Os procesos de transición entre familiar, o coidado e acompañamento”. Todas elas realizadas en liña.
A entidade e os seus dirixentes son plenamente conscientes de que o ámbito formativo supón un importante investimento que vai redundar sempre na calidade do servizo social que se realiza en San Aníbal así como no benestar dos menores, familias e persoas en situación de vulnerabilidade aos que se dá atención.