José Tomé, en calidade de Presidente do Consorcio Provincial de Bombeiros, o vicepresidente do Consorcio e representante da Xunta, Santiago Villanueva, e representantes do Comité de Empresa e dos diferentes sindicatos formalizaron no Pazo de San Marcos este acordo, o primeiro deste tipo que se firma en Galicia e que tras máis dun ano de negociacións
“Hoxe é un día moi importante para a nosa provincia”, valorou o mandatario provincial, quen se comprometera a traballar para dar estabilidade e seguridade laboral aos profesionais que prestan este servizo público “esencial na protección das persoas e dos seus bens fronte a incendios e outras emerxencias”. Este acordo é o primeiro deste tipo que se firma en Galicia e chega tras máis dun ano de negociacións para reforzar a calidade do servizo, recoñecer o labor que desenvolven os bombeiros, darlles seguridade e mellorar as condicións económicas, contribuíndo a dignificar a figurar dos bombeiros na sociedade.
O texto recolle, entre outras melloras, a incorporación de 26 efectivos, un aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, redución de 158 horas anuais –das 1.800 horas que facían actualmente ás 1.642 horas acordadas-, recoñecemento como persoal laboral fixo dos traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación do pasado 1 de maio do 2019, permisos e licenzas, melloras no equipamento e roupa de traballo, redución da mobilidade entre parques comarcais, axudas sociais ou a disposición de días de asuntos propios.
O Consorcio de Bombeiros da provincia de Lugo, conformado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia ao 50%, inclúe os parques de Barreiros, Vilalba, Sarria, Monforte de Lemos, Viveiro e Chantada.