Lugo, 16 de xaneiro de 2025. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, asegura que a alcaldesa de Viveiro “falta á verdade” e “tenta responsabilizar á Xunta da súa propia inoperancia” cando achaca á “suposta falta de varios informes sectoriais autonómicos” os atrasos na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Neste senso, Arias explicou que o informe sectorial do Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, foi remitido ao Concello de Viveiro xa no mes de maio de 2024 e concretou que nese escrito se lle requiría ademais ao goberno local nova documentación “que a día de hoxe aínda non chegou”.
O outro informe ao que alude a rexedora, o da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, que depende da Consellería do Medio Rural, foi remitido ao servizo de arquitectura municipal de Viveiro en xuño de 2024 e novamente, por rexistro, ao Concello en decembro.
O delegado pide á alcaldesa “responsabilidade” e que “deixe de enredar” e instouna a traballar “para que os veciños e veciñas de Viveiro poidan contar canto antes co Pxom”.