Trabada, 23 de xaneiro, 2025. O alcalde de Trabada, Rubén García, participou na 45ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra estes días en Madrid. A súa presenza nun evento de tal envergadura ten como obxectivo promocionar o concello e potenciar a visibilidade da Mariña Oriental, unha comarca en constante crecemento no ámbito turístico.
Rubén García subliñou a importancia de estar presentes en FITUR, asegurando: “é importante dar a coñecer tamén o noso pequeno concello nun gran sitio coma este. Agardamos que isto poida repercutir no que é xa o turismo que ano a ano vai medrando na nosa comarca, na Mariña Oriental, e que este tipo de eventos poida dar a coñecer o noso concello e toda a comarca da Mariña.”
A participación en FITUR reafirma o compromiso do Concello de Trabada por fomentar o turismo na zona e atraer máis visitantes, contribuíndo ao desenvolvemento económico local e comarcal. A visita de Rubén García a este evento internacional tamén é unha mostra do traballo conxunto entre os concellos da Mariña Oriental para mellorar a súa oferta turística e posicionarse como destino preferente para os viaxeiros.