A obra consistiu na mellora da iluminación natural do edificio con novas fiestras, renovación da instalación eléctrica e traballos relativos ao illamento, limpeza e impermeabilización do recinto
Alí, o responsable autonómico puxo en valor a mellora da seguridade e condicións de traballo das persoas profesionais do sector pesqueiro como unha liña prioritaria do Plan de Equipamentos Portuarios de Galicia ao abeiro do cal se executou esta obra. Nesta liña, manifestou que actuacións que se promoven desde a Consellería do Mar nos peiraos autonómicos son froito das propostas e demandas trasladadas polos propios usuarios, que son os que mellor coñecen as necesidades particulares de cada sitio.
O titular de Mar, destacou o compromiso da Xunta con Cariño cun forte compromiso inversor citando como exemplo a dragaxe do peirao, cuxos traballos se iniciaron en setembro, e que conta cun orzamento de 600 mil euros. Tamén indicou que nos vindeiros meses executaranse tamén os traballos de renovación das luminarias do porto, substituíndoas por tecnoloxía LED, nas que Portos de Galicia investirá 90.000 euros, e a renovación de firmes portuarios, á que se destinarán case 20.000 euros máis.
Alfonso Villares, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, engadiu a estas accións a entrega o pasado ano a través do Centro de Cultivos Mariños (CIMA) de Ribadeo dependente da Consellería do Mar de 50.000 unidades de semente de ameixa xaponesa ás mariscadoras de Cariño co obxectivo de seguir afondando na recuperación da actividade extractiva mediante a rexeneración dos principais bancos da zona.