O responsable autonómico agradeceu o traballo da entidade na representación das 6 confrarías que a integran, que aglutinan a 496 afiliados e 169 embarcacións, e remarcou o espírito de colaboración mutua e permanente na súa relación coa Xunta de Galicia
Durante o acto de sinatura do convenio, celebrado en Burela, o representante do Executivo galego puxo en valor o traballo da Federación como interlocutora das mulleres e homes do mar na provincia de Lugo. Non en van, lembrou que a entidade aglutina a 6 confrarías -a saber, Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo-, que teñen en conxunto 496 afiliados e 169 embarcacións.
Alfonso Villares remarcou o compromiso da Xunta de Galicia por seguir traballando a favor dos profesionais do sector marítimo en coordinación directa con eles a través das entidades que os representan para optimizar as políticas pesqueiras que se promoven desde a comunidade autónoma.
Co convenio asinado esta mañá, a Consellería do Mar dá continuidade á colaboración que vén mantendo coa Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo e incrementa o seu apoio económico. De feito, o importe do convenio de colaboración para as actividade que se organicen ao longo deste ano incrementa un 33% a contía do ano anterior.