Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA denuncia na Fiscalía Ambiental á Xunta e ao Concello de Foz polas irregularidades na tramitación dunha canteira

Foz, 28 de xaneiro, 2025. ADEGA vén de presentar unha denuncia ante a Fiscalía Delegada de Medio Ambiente do TSXG contra o Concello de Foz, o servizo territorial de Enerxía e Minas de Lugo e o servizo territorial de Patrimonio Cultural de Lugo por incumprimento das respectivas competencias en relación ás denuncias de ADEGA contra a empresa Euroarce, polo inicio dunha explotación mineira de caolín dentro da zona ocupada polo xacemento arqueolóxico da Mina Romana da Espiñeira (Foz), incluída no catálogo do Patrimonio Cultural de Galiza e no do PXOM de Foz coa referenza GA2701902.

Fundamentos da denuncia: desleixo administrativo e posible “pelotazo”

-Industria consentiu o funcionamento desta explotación mineira, que data de 1955 e que debería ter sido caducada pola falla de actividade durante tantos anos, sen esixirlle nin unha avaliación ambiental nin un plan de restauración consonte o RD 975/2009, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e a rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

-Patrimonio Cultural non fixo valer as competencias que lle outorga a vixente Lei 5/2016, do Patrimonio Cultural de Galiza, en defensa dun ben arqueolóxico catalogado ao que a actividade mineira está a danar moi gravemente, xa que a explotación está dentro da zona de protección deste definida tanto no PXOM de Foz como na ficha arqueolóxica do Catálogo.

-E o Concello de Foz, a pesar da denuncia presentada por ADEGA, inhibiuse da súa responsabilidade de comprobar se a explotación mineira dispuña da correspondente licenza de actividade e de se existía unha declaración responsábel por parte da empresa Euroarce.

Na denuncia, ADEGA advirte tamén sobre a operación de especulación que poidera estar facendo a empresa ao iniciar a actividade mineira sobre unha parcela que podería quedar afectada polo futuro trazado da Autovía A-74, de Barreiros a Viveiro.

Aviso a navegantes fronte á permisividade coas empresas mineiras

Con esta denuncia ante o Ministerio Fiscal, ao que demandamos firmeza na defensa da legalidade ambiental, ADEGA agarda que sirva de seria advertencia ás administracións que consenten ás empresas mineiras todo tipo de irregularidades administrativas na tramitación dos dereitos mineiros e posteriormente fan a vista gorda fronte aos incumprimentos da lexislación de protección ambiental e cultural.

Con estes comportamentos, as administracións trasladan a mensaxe de que as mineiras non están obrigadas a cumprir coa mesma lexislación que obriga ao resto das administradas, e que actividade mineira pode saltarse os trámites e os condicionados ambientais que se lle esixen ás demais empresas e á cidadanía.

Esta denuncia serve tamén para chamar a atención sobre o concurso público de dereitos mineiros caducados que a D. X. de Planificación Enerxética e Minas vén de sacar sen ningunha limitación ou condicionado para empresas que, como Euroarce, incumpren manifestamente a legalidade vixente. É máis, mirando o tipo de recursos mineiros que na provincia de Lugo saíron a concurso, vemos que 13 dos 17 licitados son para explotación de caolín, co que semella feito a medida desta empresa.

E resulta alarmante que o mesmo técnico de minas, Carlos Martínez, que informou á D. X. de Patrimonio Cultural sobre unha inexistente Resolución de minas de Lugo delimitando a zona de protección da “Mina Romana da Espiñeira” e autorizando a actividade mineira, poida estar hoxe ao cargo da sociedade RDG (Recursos de Galicia), que precisamente vai informar sobre a adxudicación dos dereitos mineiros a concurso.

Exit mobile version