Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa estará presente en Fitur, xunto ao Concello de Ribadeo, coa súa campaña ‘Pensando en ti’

Ribadeo, 20 de xaneiro de 2025. Acisa estará presente en Fitur 2025 xunto ao Concello de Ribadeo, conformando a delegación ribadense que acude a esta importante cita, que se celebra en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “asistimos a Fitur 2025 coa campaña Pensando en ti, coa que pretendemos mostrar que Ribadeo ten opcións turísticas para todos os gustos, turismo de mar e montaña, de ocio, de cultura, de gastronomía, para xóvenes e para adultos, para familias con nen@s… en definitiva Ribadeo pensa en todos para ofrecer o mellor de sí e que o turismo siga a impulsar a nosa economía. O obxectivo principal da nosa presenza en Fitur é ofrecer Ribadeo como un destino de calidade, aberto a calquera turista que queira coñecer o noso municipio”.

Pérez Prada contou que “participaremos co Concello en reunións de traballo con diversos operadores e axencias turísticas, na procura de dar a coñecer os servizos turísticos, hostaleiros, hoteleiros e comerciais que Ribadeo pode ofrecer aos futuros visitantes. Pretendemos tamén establecer acordos e puntos de colaboración con intermediarios e outros destinos, así como favorecer a difusión de Ribadeo como un destino de calidade visitable durante todo o ano, poñendo en valor as campañas e marcas turísticas de Acisa, que son varias ao longo do ano, e do mesmo xeito reunirnos con diferentes colectivos similares o noso, dos que podamos aprender e compartir ideas e proxectos e establecer relacións con clústers e representantes de turismo das diferentes administracións”.

O xerente de colectivo empresarial ribadense indicou que “desde Acisa traballamos diariamente para fidelizar ás persoas que veñen visitarnos, para atraer novos segmentos de demanda, para favorecer a desestacionalización e para poñer en valor os nosos recursos, especialmente os gastronómicos e comerciais mediante diferentes campañas como é o Domingueo en Ribadeo, Ribadeo preto de ti, o Centro Comercial coas Mellores Vistas, o Barrio Mariñeiro de Porcillán e a Vila Mariñeira de Rinlo, entre outras…”.

Jesús Pérez subliñou que “a presenza de Acisa en Fitur é moi relevante, xa que aglutinamos á maior parte do tecido empresarial ribadense, e moi especialmente ao do sector turístico. Os nosos asociados e asociadas son os principais beneficiarios dela. Nesta feira vaise promocionar Ribadeo como destino turístico, pero tamén nas diferentes reunións con operadores turísticos explicámoslles a gran oferta de prazas hoteleiras, a súa categoría e os servizos que ofrecen, o tipo de comercio que temos, referente comarca, as especialidades gastronómicas que poden atopar na nosa hostalería, as empresas de ocio das que poden desfrutar os seus clientes… O turismo é o principal motor económico da nosa vila. Por iso debemos seguir traballando na promoción de todo aquilo que Ribadeo pode ofrecer, así como en aumentar e mellorar tanto a nosa oferta como os servizos turísticos ofertados polas nosas empresas. A implicación do sector é un piar fundamental na nosa promoción como destino turístico, por elo, Acisa segue asistindo ano a ano a esta Feira desde case a súa fundación”.

Acisa estará presente en Fitur do 22 ao 24 de xaneiro, conxuntamente co Concello de Ribadeo. A asociación ribadense asistirá a algunhas das presentacións das novas campañas turísticas da comarca que se presentarán ao longo deses días no stand de Galicia en Fitur “co obxectivo de amosar o noso apoio a todas as iniciativas que contribúan á promoción turística de Ribadeo e da Mariña”, sinalou a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

Exit mobile version