A institución provincial premiará con 1.600 euros ás mellores imaxes sobre patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares
Lugo, 4 de xaneiro de 2025. O prazo para participar no VIII Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera, convocado pola Deputación de Lugo, continúa aberto ata o 20 de xaneiro. O obxectivo deste certame é poñer en valor o patrimonio etnográfico material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.
Nesta edición, as fotografías deben estar vinculadas ao lema O Patrimonio Etnográfico Material das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A iniciativa, enmarcada no compromiso da Deputación co impulso e conservación destes espazos naturais, conta cunha dotación económica total de 1.600€, distribuídos entre os tres primeiros clasificados, con premios de 800€, 500€ e 300€, respectivamente.
A temática deste ano busca fomentar as actividades de lecer en espazos naturais, especialmente nos sendeiros que percorren estes territorios. As fotografías deben centrarse en elementos representativos do patrimonio etnográfico, como hórreos, muíños, aceas, lavadoiros, fontes, pontellas, cortíns, pallozas e outras construcións tradicionais, que son testemuño do aproveitamento sostible dos recursos naturais polos nosos devanceiros. O xurado seleccionará as mellores imaxes segundo os criterios de composición, orixinalidade e calidade estética.
Como participar
As persoas interesadas deberán presentar unha única fotografía inédita, que non pode ter sido premiada en edicións anteriores. As fotografías deberán ser enviadas ou entregadas no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ou remitidas por correo certificado. Se a solicitude se presenta nun rexistro distinto ao da Deputación Provincial de Lugo, será necesario remitir, na mesma data da presentación, un correo electrónico ao enderezo medioambiente@deputacionlugo.org, co xustificante da presentación da solicitude no rexistro correspondente.
As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deberán ser tomadas dentro do territorio das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. As imaxes deben presentarse en formato dixital (CD ou memoria USB), acompañadas dunha copia en papel fotográfico. Toda a documentación deberá ir dentro dun sobre no que se inclúan os datos persoais do participante, o título da obra e o nome do lugar onde se realizou a fotografía.
As bases completas do concurso e toda a información está dispoñible na páxina web: https://deputacionlugo.gal/gl/temas/medioambiente/concursofotografiaRRBB