Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta licita por 8,2M€ a rehabilitación de 8 inmobles en centros históricos de Ourense, Tui, Ribadavia, A Coruña e Viveiro para habilitar 25 vivendas públicas

O investimento ata agora en adquisición, obras, licitacións e proxectos acada os 30M€, dos que 28,6M€ son fondos da Xunta e os 1,39 restantes fondos europeos, que se investirán en 24 das 167 vivendas previstas

Ourense, 10 de xaneiro de 2025. A Xunta vén de licitar hoxe cun orzamento de 8,2M€ a execución das obras de rehabilitación de 8 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui, Ribadavia, A Coruña e Viveiro, que permitirán a creación de 25 vivendas públicas. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, presentou estas actuacións, que se realizan ao abeiro do programa Rexurbe e destacou o investimento de 7,4M€ de fondos propios da Xunta para estas rehabilitacións licitadas hoxe, que recibirán tamén 793.389€ de fondos europeos MRR, o que supón un 9,6% do orzamento.

A conselleira lembrou que, xunto á construción de vivenda de promoción pública e o desenvolvemento de solo para facilitar a construción de vivenda protexida e libre, a rehabilitación de inmobles é outro piar das políticas de vivenda da Xunta. Así, a través do Rexurbe, promove rehabilitacións en centros históricos para logo cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda. “É un proxecto que ademais de facilitar o acceso á vivenda, axuda a recuperar e dinamizar os centros históricos, e tamén incentiva á iniciativa privada para a recuperación destes conxuntos”, indicou.

María M. Allegue destacou que a Xunta traballa para que as 25 vivendas licitadas hoxe “poidan ser unha realidade” no vindeiro ano 2026, tendo en conta que as empresas poden presentar ofertas ata o 24 de febreiro e o prazo estimado de execución de obra é de 15 meses. En concreto, os inmobles cuxas rehabilitacións se licitan inclúen un edificio en Viveiro, entre as rúas Rosalía de Castro e Fernández Victorio para habilitar 3 vivendas, cun investimento de 1,5M€, dos que 141.355€ son fondos MRR.

En Ribadavia saen a licitación os traballos en 3 edificios para un total de 9 vivendas. Dunha banda, rehabilitarase 1 edificio para 5 vivendas na praza García Boente; cun investimento de 1,7M€, dos que 226.818€ son fondos MRR. E en 2 inmobles en Cervantes e praza San Xoán habilitaranse 2 e 2 vivendas respectivamente, cun orzamento de licitación de 990.892€.

En Tui, as actuacións acometeranse en 1 inmoble para crear 3 vivendas na rúa Bispo Castañón, cun investimento de 1,3M€, dos que 150.000€ corresponden a fondos MRR. Ademais, na Coruña, licítase a rehabilitación de 1 edificio na rúa San Andrés para habilitar 4 vivendas, por 1,3M€.

E os outros 2 inmobles cuxas obras se licitan sitúanse nas rúas Pelaio e na praza Manuel Sueiro de Ourense, nos que se obterán 6 vivendas. No caso deste último edificio habilitaranse 5 vivendas e no da rúa Pelaio 1. O investimento acada 1,9M€, dos que 275.236€ son fondos MRR.

A conselleira explicou que a duración estimada das obras, unha vez adxudicadas, será de 15 meses e aproveitou para destacar as restauracións que se realizarán en Ourense, onde os edificios nos que se actuará están actualmente en ruína e abandono. Na cidade, xa se entregaran con anterioridade outras 5 vivendas procedentes doutras rehabilitacións en 2 inmobles.

María M. Allegue fixo balance do programa Rexurbe en Galicia e indicou que desde a posta en marcha desde proxecto son 94 os inmobles adquiridos pola Administración autonómica, cos que se prevé crear 167 vivendas nos concellos de Ourense, Tui, Mondoñedo, Lugo, Ribadavia, Viveiro, A Coruña, Vilalba, Ferrol, Betanzos e Ribadeo.

Dos citados 94 inmobles, 18 están xa rehabilitados, con 33 vivendas en Ourense, Betanzos, Ferrol, Mondoñedo o Lugo, e outros 10 atópanse e obras na actualidade. O investimento da Xunta ata agora, entre adquisicións, proxectos, obras e licitacións, acada os 30M€, a meirande parte (28,6M€) de fondos da Xunta e o resto (1,39M€) procedentes de fondos europeos MRR, que axudarán a financiar 24 das 167 vivendas previstas.

Exit mobile version