A colaboración económica do Goberno galego permitiu á entidade adquirir un novo equipo de movemento de cargas, que incrementa a seguridade dos profesionais e a rendibilidade do seu traballo
Esta entidade está constituída por unha pequena agrupación de mariscadoras e seis barcos dedicados ás artes menores e ao cerco, e carece de lonxa, polo que os ingresos cos que conta son moi reducidos, o que impide a adquisición de material necesario para levar a cabo as tarefas diarias. Deste xeito, coa axuda do Goberno galego, o pósito puido mellorar a actividade diaria dos pescadores e mariscadores, de forma que estes xa non teñen que facer sobre esforzos para o traslado das caixas e dos aparellos para a súa reparación, co conseguinte risco que isto supoñía para a súa saúde.
E é que ata o de agora, todas estas tarefas se realizaban de forma manual coa axuda dunha pequena transpaleta, o que implicaba que estes traballos fosen sustancialmente laboriosos e pesados, ademais de pouco seguros. Na actualidade, coa adquisición da carretilla elevadora, non só aumentou a seguridade dos profesionais, senón que se incrementa a rendibilidade da súa actividade, ao mecanizarse o traslado dos aparellos e o movemento de nasas e caixas polo peirao do porto e o almacenamento.