A colaboración económica do Goberno galego permitiu á entidade adquirir un novo equipo de movemento de cargas, que incrementa a seguridade dos profesionais e a rendibilidade do seu traballo
O Vicedo, 2 de xaneiro de 2025. A Confraría de Pescadores de O Vicedo dispón na actualidade dunha maior seguridade e mellores condicións de traballo grazas á colaboración da Xunta de Galicia. Así o anunciou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen, acompañado do alcalde do municipio, Suso Novo, e do patrón da Confraría, Diego Pernas, indicou que o departamento que dirixe, a través desta axuda cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), dotou ao pósito dun novo equipo de movemento de cargas, que está a facilitar notablemente o desenvolvemento da actividade marítimo pesqueira ás traballadoras e traballadores do mesmo.
Esta entidade está constituída por unha pequena agrupación de mariscadoras e seis barcos dedicados ás artes menores e ao cerco, e carece de lonxa, polo que os ingresos cos que conta son moi reducidos, o que impide a adquisición de material necesario para levar a cabo as tarefas diarias. Deste xeito, coa axuda do Goberno galego, o pósito puido mellorar a actividade diaria dos pescadores e mariscadores, de forma que estes xa non teñen que facer sobre esforzos para o traslado das caixas e dos aparellos para a súa reparación, co conseguinte risco que isto supoñía para a súa saúde.
E é que ata o de agora, todas estas tarefas se realizaban de forma manual coa axuda dunha pequena transpaleta, o que implicaba que estes traballos fosen sustancialmente laboriosos e pesados, ademais de pouco seguros. Na actualidade, coa adquisición da carretilla elevadora, non só aumentou a seguridade dos profesionais, senón que se incrementa a rendibilidade da súa actividade, ao mecanizarse o traslado dos aparellos e o movemento de nasas e caixas polo peirao do porto e o almacenamento.