Composta por un total de 86 pezas, permite reflectir o seu traballo e talento como deseñador, muralista, escultor e cartelista
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo coa que a Xunta de Galicia celebra o Día da Ilustración, efeméride coa se conmemora a data de nacemento de Castelao e que este ano está dedicada ao artista de Mondoñedo, autor de obras icónicas como cartelista e muralista e que traballou man a man con Isaac Díaz Pardo durante 40 anos en Sargadelos.
Na súa intervención, o titular de Cultura do Goberno galego enxalzou “a brillante traxectoria” de Xosé Vizoso, quen estivo presente na inauguración, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; e a presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero. Precisamente, salientou o feito de que e a primeira vez que a Xunta homenaxea co Día da Ilustración a un artista en activo. “Isto dá a oportunidade de interactuar directamente coa obra e co seu creador”, valorou, ao tempo que o puxo en correlación esta dedicatoria co apoio os creadores e creadoras galegas contemporáneas.
A exposición, que poderá verse na Biblioteca de Galicia ata o mes de maio, fai un percorrido pola traxectoria de Xosé Vizoso a través de un total de 86 pezas, nas que se reflicte a súa mestría nos eidos artísticos aos que se dedicou, aínda que se pon máis o foco no debuxo como base sobre a que se sustenta toda a súa obra.
Comisariada polas bibliotecarias da Biblioteca de Galicia Noelia Bascuas e Ángela García, así como polo ilustrador Alberto Guitián, a mostra está composta por seis vitrinas que abordan as diferentes etapas da traxectoria do artista: dende os seus inicios cando era neno, pasando pola súa etapa en Sargadelos da man de Isaac Díaz Pardo e abordando tamén os seus traballos como deseñador, muralista, escultor e cartelista.
Unha vida dedicada ao debuxo
Nas vitrinas da mostra inclúense desde postais de Nadal que Xosé Vizoso enviaba ás súas amizades a modo de felicitación ata un busto de Vidal Bolaño que realizou para a carballeira de Santa Minia en Brión, pasando polo mosaico do Bosque do Banquete de Conxo, pezas de cerámica, libros ilustrados, un tarot que realizou xunto con Manuel Aneiros ou carteis de decenas de celebracións populares.
Ao longo da exposición, e a través dos distintos carteis de festas populares que realizou, pódese observar a evolución do seu estilo. Cores alegres e trazos aparentemente sinxelos caracterizan a obra deste autor, que acubilla a esencia da cultura galega. A mostra tamén acolle un vídeo que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) realizou para a ocasión, así como os traballos de Julia Abalde, Carlos Arrojo e Abi Castillo que este ano foron seleccionados pola AGPI para reinterpretar a obra de Vizoso.