Máis dun cento de persoas asistiron á concentración en defensa da atención primaria no municipio, convocadas polo BNG de Riotorto
Riotorto, 7 de xaneiro de 2025. A veciñanza de Riotorto mobilizouse este martes en defensa do seu centro de saúde. Máis dun cento de persoas asistiron á concentración, convocada polo BNG, para reclamar a cobertura das prazas de medicina familiar do centro de saúde, que leva dous meses sen atención médica estable.
“Non nos conformamos cun consultorio por horas, esiximos atención médica a tempo completo, con persoal estable, traballando en condicións adecuadas para facer un seguimento e un control dos pacientes, que é para o que está prevista a atención primaria”, foi a demanda expresada pola portavoz municipal do BNG, Vanesa Gómez, durante a concentración, que se celebrou diante do centro médico.
“O Partido Popular leva quince anos de goberno e quince anos preparando o desmantelamento nos centros de saúde do rural. E aproveitaron a pandemia para pisar o acelerador a fondo, recortando médicos a base de non cubrir baixas como fixeron aquí facendo consultas telefónicas, e automatizando procedementos para alonxar a xente das consultas”, explicou a voceira nacionalista.
O centro de saúde de Riotorto ten asignadas dúas prazas de medicina familiar. Unha delas leva máis de tres anos sen cubrir por unha baixa da persoa titular, que nunca foi substituída. A segunda quedou vacante a mediados de novembro por un traslado. Desde esa data, o centro de médico só ten atención médica a tempo parcial, en horarios variables.
Convocatoria para manter a mobilización en defensa da atenciòn primaria
O BNG de Riotorto manterá a mobilización nas vindeiras semanas. O vindeiro sábado 11 de xaneiro – ás 12.00 horas – celebrarase unha xuntanza aberta na Casa da Cultura para acordar coa veciñanza e cos colectivos que queiran sumarse o calendario de accións a desenvolver para recuperar a atención sanitaria no municipio.
A formación nacionalista presentará no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar a cobertura das prazas de medicina familiar no centro de saúde de Riotorto da man do deputado Daniel Castro, que tamén participou na concentracion desta mañá